
- A organización propúxose centrar a acción empresarial e política na superación das barreiras sistémicas para o camiño da transformación do mercado, como é o caso da falta de infraestruturas
- Con tal fin, centrarase en tres obxectivos específicos: plásticos e envases, minerais críticos e comercio minorista
Cerceda, a 29 de xullo de 2025.- Durante os últimos 15 anos, a Fundación Ellen MacArthur situou a economía circular na axenda mundial e demostrou a súa viabilidade en todos os sectores, destacándoa como unha solución vital, tanto para os retos económicos como para os ambientais. Segundo a propia organización, máis do 55% das empresas teñen agora ambicións e obxectivos de economía circular, e existen ata 75 follas de roteiro nacionais de economía circular.
Pero a Fundación quere dar un paso máis e establecer a axenda para a aplicación da economía circular, centrando a acción empresarial e política na superación das barreiras sistémicas para o camiño da transformación do mercado (por exemplo, a falta de infraestruturas).
Con tal fin, centrarase en tres obxectivos específicos: plásticos e envases, minerais críticos e comercio minorista. A pretensión é responder a macrotendencias disruptivas nas que a acción en materia de economía circular pode marcar a diferenza nos problemas urxentes aos que se enfrontan os líderes empresariais e os responsables políticos.
Para impulsar a acción a escala empresarial e política, investirá en competencias e experiencia fundamentais, como coñecementos técnicos e políticos, experiencia global e liderado de alto nivel.
Doutra banda, ao poñer o foco nestas tres misións, a Fundación recoñece que dedicará menos recursos á promoción e educación ao redor da economía circular, e que traballará con menos sectores.
Segundo explicou a directora xeral da Fundación Ellen MacArthur, Jonquil Hackenberg, «a Fundación creou unha rede inigualable ao máis alto nivel de empresas e gobernos de todo o mundo. Agora as principais empresas pídennos que pasemos ao seguinte nivel e lles axudemos a abordar as barreiras sistémicas que bloquean o progreso actual. Todo o mundo recoñece que as regras do xogo teñen que evolucionar para facer fronte á magnitude do reto, pero nós estamos nunha posición única para establecer a axenda de solucións circulares a escala, e logo activala ao ritmo axeitado».
Fonte e imaxe: Residuos Profesional