- Así o constatan os datos de Sogama, quen salienta á provincia de Pontevedra como a máis recicladora destes materiais, cunha subida do 4,04%, seguida da provincia da Coruña, cun 3,09%
- Pola súa banda, incrementouse lixeiramente (nun 0,17%) a xeración de bolsa negra, resultando aquí tamén a provincia de Pontevedra a máis avantaxada, ao ser a única que reduciu a súa produción (-0,42%)
- En canto á recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón, actualmente son 140 os concellos que a teñen implantada, aumentando a achega desta fracción en preto dun 435% desde 2023
Cerceda, 19 de febreiro de 2026.- En 2025, a achega media dos 295 concellos adscritos entón ao sistema Sogama (hoxe son 304 coa entrada dos municipios que integran a Mancomunidade do Barbanza) á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), incrementouse nun 2,75% respecto do ano anterior. A nosa comunidade dá así un impulso á recuperación destes materiais ao subir a recepción dos mesmos na planta de clasificación de Sogama desde as 34.653,28 toneladas en 2024 ás 35.606,78 toneladas no pasado exercicio.
Unha vez seleccionados por tipoloxías, os envases prénsanse e embálanse para remitir aos centros recicladores, onde se transforman en novos produtos para ser integrados, cunha nova vida, no circuíto comercial.
Non obstante, o rendemento non foi o mesmo nas 4 provincias. Destaca a de Pontevedra, cun incremento do 4,04%, seguida da Coruña, cun 3,09% e, aínda que máis afastada, a de Lugo, cun 0,68%. Con todo, na provincia de Ourense a achega ao contedor amarelo caeu nun 0,87%.
Por cidades, cabería destacar Vigo, onde se recolleu un 4,1% máis de envases lixeiros, así como Lugo, cun 3,5%. Pontevedra anota unha subida do 2,3% e Ferrol, do 1,0%. Con todo, descende a achega en Santiago (-0,1%) e, en maior medida, en Ourense (-9,3%).
Lixeiro incremento medio da bolsa negra
A fracción resto (residuo recollido a través do contedor xenérico), tamén sufriu un lixeiro incremento, situado nunha media do 0,17%, cando o desexable sería que evolucionase á baixa, xa que a primeira premisa na correcta xestión dos residuos é a prevención e a redución da xeración de residuos.
A subida foi máis pronunciada na provincia de Lugo, cun 0,84%, e na da Coruña, cun 0,67%, seguidas pola de Ourense, cun 0,12%. Con todo, baixou na provincia de Pontevedra, onde se rexistrou un diminución do -0,42%.
Por cidades, Vigo está de novo á cabeza, cunha diminución da produción de bolsa negra de -1,2%, seguida por Santiago, cun -1,0%. Non obstante, Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol incrementan a xeración de bolsa negra nun 0,1%, 0,3%, 1,5% e 2,0% respectivamente.
A compostaxe avanza
Pola súa banda, a bolsa marrón (materia orgánica recollida a través do contedor desta mesma cor) evoluciona favorablemente, con 140 concellos implantados, pasando das 833 toneladas de residuo orgánico tratadas nas plantas de compostaxe de Sogama en 2023 a 4.455 toneladas en 2025, o que vén supoñer un 435% máis.
Aínda que queda moito por facer, Galicia encamíñase cara ao cumprimento dos obxectivos europeos en reciclaxe e cara a un modelo de desenvolvemento circular orientado a converter os residuos en recursos.
Neste sentido, Sogama lembra que a redución da produción de refugallos e o incremento da reciclaxe, non só traerán consigo beneficios ambientais aos concellos, senón tamén económicos, xa que verán minorados os custos de xestión e tratamento da bolsa negra, á vez que incrementarán os ingresos recibidos das correspondentes entidades recicladoras.
Saúdos, Departamento de Comunicación