- Realizaron esta mañá unha visita ao Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer de primeira man a súa operativa industrial e, máis concretamente, os procesos de xestión, tratamento e valorización de residuos
- Na súa meirante parte pertencían ao SEVIC (Servizo de Inspección, Vixilancia e Control en materia de residuos), de recente creación e que xa está activo en 16 municipios da provincia de Pontevedra
- A experiencia foi cualificada polos técnicos de gran interese pola oportunidade de aprendizaxe e mellora no asesoramento que realizan aos produtores locais de residuos
Cerceda, 24 de marzo de 2026.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, recibiu esta mañá a un grupo de técnicos do Departamento de Residuos da Deputación de Pontevedra interesados en coñecer de primeira man a operativa industrial do Complexo Medioambiental de Cerceda e, máis concretamente, os procesos de xestión, tratamento e valorización de residuos.
Na súa maioría, formaban parte do SEVIC, Servizo de Inspección, Vixilancia e Control en materia de residuos, de recente creación e presente en 16 concellos da provincia de Pontevedra, cuxa misión é garantir o cumprimento da normativa e a correcta xestión das distintas tipoloxías de refugallos que se xeran nos establecementos, entidades e empresas a nivel local.
Domínguez Lino foi tamén o encargado de explicar ao grupo a actividade de Sogama, tanto desde a dimensión ambiental como económica e social, así como a infraestrutura industrial da que se serve esta empresa pública para dar servizo a 304 concellos (o 97% do total) e o tratamento dispensado ás diferentes fraccións de refugallos que se atopan baixo a súa competencia (contedor amarelo, para envases de plástico, latas e briks; marrón, para materia orgánica; e xenérico, para resto).
Primeira planta pública en España de clasificación de residuos téxtiles
Así mesmo, detívose en detallar as principais liñas de acción do Plan Estratéxico corporativo 2025-2030, que pivota sobre a transformación dixital e a robotización no eido industrial; a descarbonización dos procesos, substituíndo o uso dun combustible fósil (gas natural) por un renovable (biosecado); e a xestión de novas tipoloxías de residuos, como é o téxtil.
De feito, Sogama está a construír, no propio complexo cercedense, unha planta de clasificación de téxtiles, que será a primeira de carácter público en España, para propiciar a recuperación deste material e contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe.
Cun investimento de 22,4 millóns de euros, dos cales 12 millóns foron captados a través dos Fondos europeos MRR, esta planta contará cunha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, ampliable a 24.000, podendo crear, nunha primeira fase, entre 17 e 30 empregos, que estarán destinados, con carácter prioritario, a persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade social.
A visita foi cualificada polos técnicos de gran interese pola oportunidade de aprendizaxe e mellora no asesoramento que realizan aos produtores locais de residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación