
- Farao no marco do 1º Congreso de Cidades Intelixentes e Economía Circular, que se celebrará mañá e pasado no Pazo da Cultura, e ao que foi convidado a participar
- A súa intervención terá lugar na mesa de debate relativa ao uso de ferramentas dixitais na recollida e xestión de residuos, onde estará acompañado por representantes de PreZero, Valoriza e da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia
- Domínguez Lino falará dos instrumentos nos que Sogama traballa actualmente (Plataforma TRAZA e Portal do Cliente) para optimizar a rastrexabilidade dos residuos, mellorar a comunicación cos concellos e posibilitar que estes accedan aos datos en tempo real
Cerceda, ao 21 de maio de 2025.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi convidado a participar no 1º Congreso de Cidades Intelixentes e Economía Circular, que se celebrará mañá e pasado (22 e 23 de maio) no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra.
En concreto, e dentro do módulo de “Eficiencia nos servizos municipais”, Domínguez intervirá nunha mesa de debate que, baixo o título, “A recollida de residuos eficiente coa utilización de ferramentas dixitais e sensores para mellorar roteiros, detectar o estado dos contedores, etc”, estará moderada por Manuel Bellido e contará coas achegas de María Luz Rivas, directora de Zona Galicia e Asturias en PreZero Solucións Ambientais; David Redondo, Responsable de Innovación de Valoriza Servizos Ambientais; e Lucía Pazos Alfonso, Técnica da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia.
Na súa exposición, o máximo responsable de Sogama explicará, entre outras cuestións, a firme aposta desta empresa pública pola transformación dixital, tanto dende a dimensión industrial como administrativa; os instrumentos nos que está a traballar a día de hoxe (Plataforma TRAZA e Portal de Cliente) para optimizar a rastrexabilidade dos residuos, dende que entran nas instalacións ata que saen das mesmas convertidas en recursos; a mellora das comunicacións cos seus clientes, que son os 295 concellos galegos adheridos ao seu sistema; o acceso aos datos, tanto de xestión como de facturación e contratacións, imprescindible para a toma de decisións; e a maior eficiencia e aforro de tempo que suporá esta nova forma de traballar e operar.
Cidades intelixentes e sostibles
Durante os dous días do Congreso, debullaranse, a cargo de expertos na materia, temáticas de gran interese tales como as principais actuacións e retos das Smart Cities; os xemelgos dixitais para cidades intelixentes; central de tráfico urbano baseada nas últimas tecnoloxías de sensores ópticos intelixentes; a intelixencia artificial neste ámbito; a eficiencia enerxética na iluminación pública; a dixitalización do ciclo integral da auga; a reciclaxe de plástico; a creación de refuxios e zonas climáticas; cidades libres de emisións; e estacións de mobilidade para cidades máis sostibles, entre outras.
As conclusións do congreso correrán a cargo de Adolfo Borrero, CEO de Aalto Consultores, Manuel Bellido, xornalista especializado, e Francisco Morcillo, consultor Grupo de Traballo do EDIL na Comisión de Smart Cities de AMETIC.
Saúdos, Departamento de Comunicación