
- Intervirá na mesa redonda que, moderada por un representante de Aproema, pechará a xornada dedicada aos residuos e da que tamén formarán parte portavoces das firmas Prezero e FCC
Cerceda, 25 de setembro de 2025.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, foi convidado a participar no congreso Concellos 2030, que terá lugar no museo Verbum de Vigo os próximos días 2 e 3 de outubro.
En concreto, Domínguez formará parte da mesa redonda que, moderada por un representante de Aproema (Asociación de Empresas Medioambientais de Galicia) pechará a sesión matutina da primeira xornada, dedicada aos residuos, e na que se dará voz a representantes de distintos sistemas de xestión da materia orgánica. Para isto contarase coas intervencións dun portavoz da firma Prezero, quen falará do aproveitamento do biogás contido na fracción orgánica, e outro de FCC, encargado de dar a coñecer os pormenores da compostaxe para grandes produtores.
Pola súa banda, Domínguez Lino explicará a estratexia, operativa e rede de infraestruturas públicas coa que actualmente conta Galicia para compostar a materia orgánica a nivel industrial, así como os medios, tanto materiais como didácticos, despregados por Sogama para promover a práctica da compostaxe doméstica na comunidade.
As sesións do 4 de outubro centraranse no ciclo da auga e a mobilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación