- O encontro, que marca unha etapa central de mobilización e diálogo internacional sobre a axenda climática, celebrarase mañá e pasado, 6 e 7 de novembro
- Inmediatamente despois, concretamente do 10 ao 21 de novembro, terá lugar a COP30
Cerceda, 5 de novembro de 2025.- A cidade de Belém, en Brasil, prepárase para acoller o Cume do Clima, que terá lugar mañá e pasado, 6 e 7 de novembro, no Parque da Cidade. Este encontro reunirá a xefes de Estado e de Goberno, ministros e dirixentes de organizacións internacionais para debater os principais desafíos e compromisos na loita contra o cambio climático.
Inmediatamente despois do Cume terá lugar, tamén en Belém, do 10 ao 21 de novembro, a 30.ª Conferencia das Partes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP30).
Segundo o embaixador Mauricio Lyrio, secretario de Clima, Enerxía e Medio Ambiente do Ministerio de Relacións Exteriores de Brasil (MRE), o Cume estrutúrase nunha plenaria xeral, que será inaugurada mañá polo presidente Luiz Inácio Lula da Silva e estenderase ata o venres. As dúas xornadas complementaranse con sesións temáticas tales como Bosques e Océanos; Transición Enerxética; e os 10 anos do Acordo de París, NDC e financiamento.
Segundo a embaixadora Liliam Chagas, directora do Departamento de Clima do MRE e negociadora na COP30, a realización do Cume en Belém reflicte a decisión de Brasil de outorgar un perfil político á loita contra o cambio climático. “O mundo necesita, colectivamente, reverter esta tendencia de aumento de temperatura, cando xa contamos cun conxunto de regras, normas, ferramentas e mecanismos que axudan aos países a reducir emisións e adaptarse ao cambio climático. É o momento de elevar o tema e darlle a importancia política que merece”, ao que engadiu “Os países están moi preocupados, as persoas e as poboacións están preocupadas polo impacto de fenómenos climáticos en todo o mundo. Por iso, a función do Cume é dar impulso político a estas conversacións. Estamos a guiar a reunión coa mesma axenda que se debaterá na COP, pero cos máis altos líderes do mundo”, destacou.
Fonte e imaxe: COP30