
- Promovido por Cluergal, o evento consolidouse, tal e como xa anunciara o xerente desta organización, Oriol Sarmiento, “en punto de encontro estratéxico para quen lidera o cambio cara a un modelo enerxético máis sostible”
- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi un dos relatores que participou na sesión dedicada ás Smart Cities e á Sostibilidade, onde destacou o potencial que ten a valorización enerxética dos residuos non reciclables para a produción de calor e electricidade renovable
Cerceda, 13 de outubro de 2025.- Do 8 ao 10 de outubro, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu unha nova edición do Congreso Energy Days 2025, onde se deron cita máis de 600 profesionais do sector enerxético peninsular.
Promovido polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), o evento consolidouse, tal e como anunciara o xerente desta organización, Oriol Sarmiento, “en punto de encontro estratéxico para quen lidera o cambio cara a un modelo enerxético máis sostible”.
Industria, cidades e eólica conformaron os tres eixos temáticos ao redor dos cales se articulou un ambicioso programa no que participaron recoñecidos expertos e relatores de alto nivel, nutríndose cunha zona expositiva na que se deron a coñecer os últimos avances e aplicacións industriais en distintos ámbitos enerxéticos.
A transición enerxética, a maior eficiencia, o almacenamento enerxético, as Smart Cities, a mobilidade sostible, a dixitalización e as aplicacións da intelixencia artificial, foron algunhas das temáticas abordadas, que se complementaron cunha xornada monográfica centrada na enerxía eólica e na que se analizou a situación xurídica do sector, a repotenciación ou a posta en valor da cadea de subministración.
Durante o acto inaugural, o secretario de Cluergal, Nonito Aneiros García, manifestou que o obxectivo desta cita era precisamente “promover un espazo de encontro que nos permita albiscar o futuro e garantir o presente do sector”. Pola súa banda, Nicolás Vázquez Iglesias, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, reivindicou a Galicia como unha comunidade enerxética con capacidade para poñer os seus recursos ao servizo da industria e as familias, reducindo custos eléctricos e avanzando cara á descarbonización. Neste sentido, subliñou que as enerxías renovables son un imán para a industria, xa que “as empresas necesitan enerxía limpa para cumprir os obxectivos de sostibilidade que marca a normativa e demandan os cidadáns”. Ademais, destacou a Lei de recursos naturais de Galicia como o marco que permitirá aproveitar o potencial eólico, hidroeléctrico e mineiro da comunidade, así como desenvolver novos vectores enerxéticos coma o hidróxeno renovable, sempre baixo criterios de sostibilidade e beneficio social.
Enerxía a partir dos residuos non reciclables
O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou o segundo día do congreso na sesión dedicada ás Smart Cities e á Sostibilidade, onde destacou o potencial que ten a valorización enerxética dos residuos non reciclables para a produción de calor e electricidade renovable, permitindo a esta empresa pública producir a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación