- Atendidos por un equipo de educadores, realizaron un itinerario virtual polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental, á vez que tiveron a oportunidade de complementar coñecementos e despexar dúbidas sobre a recollida selectiva de residuos
Cerceda, a 7 de outubro de 2024.-Máis de medio cento de veciños do concello da Pastoriza (Lugo) desprazáronse a Cerceda para visitar o Complexo Medioambiental de Sogama e comprobar así o tratamento que reciben os residuos que cada día producen nos seus fogares.
Atendidos por un equipo de educadores, recibiron explicacións sobre as boas prácticas para reducir a xeración de refugallos, para alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización, así como para separalos por tipoloxías de material e depositalos nos distintos contedores habilitados na vía pública a fin de propiciar o seu posterior reciclado. De feito, insistiuse na imperiosa necesidade deste labor previo de segregación, xa que, pola contra, as posibilidades de que os residuos sexan reciclados serán escasas, coa particularidade de que non terán a calidade necesaria para ser convertidos en novos produtos.
Así mesmo, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual polo Complexo industrial. Para iso, foron equipados con lentes inmersivos 360º, que lles permitiron visualizar todos os recunchos das instalacións e coñecer a realidade do cometido de cada unha delas.
Desprazáronse primeiro pola planta de clasificación, onde se reciben os envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo para ser separados por tipoloxías e remitidos posteriormente aos centros recicladores. Desde alí, adentráronse na planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, así como na planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, onde Sogama consegue separar, con tecnoloxía 4.0, a parte reciclable, acondicionando coa non reciclable un combustible CDR que posteriormente se converte en electricidade renovable na planta termoeléctrica.
Tras un coloquio e posta en común de dúbidas, observacións e suxestións, o grupo efectuou un percorrido en autobús polos exteriores da infraestrutura, comprobando así a súa magnitude e operativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación