
- Terá unha duración aproximada de 30 días e contempla tarefas de mantemento, substitución de equipos, axuste de pezas, etc, para previr futuras avarías e dotar de maior eficiencia e flexibilidade ás instalacións que conforman esta infraestrutura
- Entre as accións que se están a executar, cabería destacar, entre outras, a modernización da turbina da Planta Termoeléctrica e os seus sistemas de protección, así como a incorporación de novos autómatas e a mellora das liñas de clasificación de residuos
- Todo isto redundará na prestación dun mellor servizo aos concellos
Cerceda, a 30 de maio de 2025.- Máis de 100 empresas auxiliares e 500 operarios traballan estes días no Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para a súa posta a punto, enmarcada na parada técnica que foi programada pola Sociedade para estas datas e que terá unha duración de 30 días.
O obxectivo destes labores adicionais, a cargo de especialistas de distintos ámbitos, é o de levar a cabo tarefas de mantemento, limpeza profunda, substitución de equipos, axuste de pezas, etc, para previr futuras avarías e dotar de maior eficiencia e flexibilidade ás instalacións que conforman o Complexo, nas que cada ano se tratan preto de 800.000 toneladas de residuos producidas polos 295 concellos adscritos a esta empresa pública.
As accións estanse a executar, con carácter prioritario, na Planta Termoeléctrica, Planta de Coxeración, Planta de Clasificación de Materiais e Elaboración de CDR, e elementos comúns. Entre as mesmas cabería destacar a modernización da turbina da Planta Termoeléctrica e os seus sistemas de protección, a incorporación de novos autómatas, a renovación de módulos de economizadores de caldeira e das liñas de secado, a mellora das liñas de clasificación de residuos, dotándoas de maior flexibilidade, e das proteccións colectivas, a modernización de software e SCADA (Sistema de Supervisión, Control e Adquisición de Datos), así como a dotación de fibra óptica para optimizar a conectividade das instalacións. Todo isto redundará na prestación dun mellor servizo aos concellos.
A parada técnica programada é habitual e obrigada nas plantas de valorización enerxética, sobre as que pesa unha esixente lexislación ambiental, moito máis rigorosa que a que rexe para outras instalacións industriais.
Saúdos, Departamento de Comunicación