- Sogama remitiu ao Concello igual número de composteiros e púxose ao seu dispor para impartir un curso de formación presencial orientado aos veciños participantes nesta iniciativa
Cerceda, 19 de xuño de 2026.- O Concello de Malpica de Bergantiños amplía o seu programa de compostaxe doméstica a unha trintena de vivendas logo da achega, por parte de Sogama, de igual número de composteiros domésticos, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Con isto, o ente local busca que a autoxestión da materia orgánica se estenda a máis fogares como medida coa que promover a prevención e redución da produción de residuos en orixe, toda vez que o 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo está conformada por restos orgánicos que poden converterse en compost, un abono natural de alta calidade que os propios usuarios aplicarán nas súas hortas e xardíns, substituíndo ao fertilizantes artificiais. Todo un exemplo de economía circular.
Esta práctica, asentada no medio rural galego, vén a reemprazar ás tradicionais pilas de compost a ceo aberto por un recipiente específico, o composteiro, propiciando que o proceso sexa máis eficiente, cómodo e hixiénico.
Con esta nova partida, suman 145 os composteiros entregados pola empresa pública a este municipio, pretendendo minorar a cantidade de refugallos enviada a Sogama a través do contedor xenérico (bolsa negra) e, polo tanto, o importe a pagar polo tratamento desta fracción.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente púxose ao dispor do ente local para impartir un curso de formación presencial destinado aos veciños participantes nesta iniciativa a fin de explicarlles os pormenores da técnica, así coma os pasos a seguir para obter un abono que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e que poida ser utilizado coas máximas garantías e sen restricións.
Detallarase así a localización idónea para o composteiro, que debe situarse nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, a relación de materiais que deben -e non deben- depositarse no mesmo, e o necesario control de parámetros que influirán en boa medida no resultado final: osíxeno, temperatura e humidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación