- Realizaron un percorrido virtual, complementado con outro guiado a pé, polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental desta empresa pública, que dá servizo a 304 concellos, o 97% do total de Galicia
- A compostaxe da materia orgánica foi unha das temáticas sobre as que o colectivo centrou maior atención, toda vez que algunhas das iniciativas nas que esta Confraría participa contempla a recollida de de algas acumuladas nas praias e zonas intermareais para o seu aproveitamento e posterior xestión como abono
Cerceda, 10 de setembro de 2026.- Unha trintena de integrantes da Confraría de Pescadores de Vilaboa "Pedra da Oliveira" (Pontevedra) viaxaron recentemente á localidade coruñesa de Cerceda para coñecer in situ a infraestrutura industrial de Sogama e o seu modelo de xestión de residuos urbanos.
O equipo educativo da compañía foi o encargado de explicar ao grupo o funcionamento do Complexo Medioambiental, onde se centralizan os residuos urbanos producidos por 304 concellos, o 97% do total, que aglutinan a máis de 2,3 millóns de habitantes. Concretamente, no mesmo reciben tratamento dúas categorías de refugallos: os procedentes do contedor amarelo, isto é, envases de plástico, latas e briks, que Sogama somete a un proceso automático de selección por tipoloxías de material para envialos aos centros recicladores, e os procedentes do contedor xenérico, a parte coñecida como “resto”, da que lograr separar, con tecnoloxía 4.0, aqueles residuos potencialmente reciclables, acondicionando coa parte non reciclable un combustible CDR que valoriza enerxeticamente para producir electricidade. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
A compostaxe, foco de atención
No caso da materia orgánica recollida a través do contedor marrón, compóstase nas catro plantas de biorresiduos que esta empresa pública ten distribuídas pola comunidade: Cervo, na provincia de Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Cerceda, na Coruña; e Verín, en Ourense.
Precisamente a compostaxe foi unha das temáticas sobre as que o colectivo centrou maior atención, toda vez que algunhas das iniciativas medioambientais e de economía circular nas que esta Confraría participa contempla a recollida periódica de grandes cantidades de algas de arribazón acumuladas nas praias e zonas intermareais para o seu aproveitamento e xestión como abono, protexendo así os bancos marisqueiros.
A través dun percorrido virtual, complementado con outro guiado a pé polas distintas plantas que conforman o Complexo industrial de Sogama, os visitantes tomaron boa nota das distintas fases do proceso de xestión dos residuos e da importancia que ten a colaboración cidadá en orixe para contribuír en maior medida á reciclaxe, con incuestionables beneficios ambientais, económicos e sociais.
Saúdos, Departamento de Comunicación