- Participará cun relatorio a través da cal explicará os pormenores do plan xestado por Sogama para avanzar cara a unha xestión máis eficiente dos residuos urbanos na que cobrará especial protagonismo a rastrexabilidade do residuo e a análise do dato
- O evento, promovido por Cluergal, terá lugar na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), do 30 de setembro ao 2 de outubro, configurándose como punto de encontro para o sector no que se abordarán os pormenores e desafíos da transición enerxética e a dixitalización
Cerceda, 23 de setembro de 2026.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, foi invitada por Cluergal (Clúster de Enerxías Renovables de Galicia) a participar na edición 2026 dos Energy Days, evento de referencia para o sector no que se abordarán os pormenores e desafíos da transición enerxética e a transformación dixital.
Durante tres días (do 30 de setembro ao 2 de outubro), a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, será o epicentro e punto de encontro para expertos, profesionais, técnicos e cidadáns en xeral interesados en coñecer as novidades relativas a distintas temáticas que se atopan nun permanente estado de innovación, como é o caso da enerxía, a industria, as cidades, a sostibilidade, a mobilidade, o emprendemento e a dixitalización, entre outras.
Do tratamento á posta en valor
A intervención de Sueiro Costoya terá lugar no transcurso da primeira sesión do programa deseñado para o día 1 de outubro, que se centrará na sostibilidade. Farao cunha conferencia na que, a baixo o título “Trazando o presente e futuro da xestión de residuos a través da transformación dixital”, explicará os pormenores do plan de dixitalización xestado por Sogama para avanzar cara a unha xestión máis eficiente dos residuos urbanos na que cobrará especial protagonismo a rastrexabilidade do refugallo (desde que entra nas instalacións de Sogama ata que sae das mesmas convertido en recurso), así como a análise do dato, esencial para a toma de decisións e a mellora continua, aspirando a poñer en valor os materiais desde a dimensión económica, medioambiental, estratéxica, educativa, social e laboral.
Esta nova concepción e visión empresarial enmárcase no Plan Estratéxico da compañía para o período 2025-2030, que asenta os cimentos sobre os que construír un modelo de xestión preparado para dar resposta efectiva ás necesidades do futuro.
Con carácter previo á exposición de Mirta Sueiro, a sesión nutrirase cunha mesa de debate na que participarán representantes de entidades tales como Abanca, Prezero, Cetim, Aproema e a Xunta de Galicia.
Máis información en www.energydays.es
Saúdos, Departamento de Comunicación