- A directora xeral de Sogama participou esta mañá no Congreso Energy Days 2026, que se celebra na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, para dar a coñecer os pormenores do Plan de Transformación Dixital da Sociedade
- Un plan, R-Dixital, co que esta empresa pública pretende ir máis aló do mero tratamento dos residuos, levando a cabo unha tarefa de recompilación, análise e explotación dos datos, que pon ao dispor dos concellos para axudalos na toma de decisións e no cumprimento da lexislación vixente
- O proxecto Traza, que fará un seguimento da rastrexabilidade do residuo desde que entra en Sogama ata que sae convertido en recurso, e o Portal do Cliente, plataforma a través da cal os entes locais poderán acceder a toda a información do seu interese, son as ferramentas das que se vale esta empresa pública para avanzar en Galicia cara a unha xestión máis sostible do lixo
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, participou esta mañá no Congreso Energy Days 2026, promovido por Cluergal (Agrupación industrial das Enerxías Renovables en Galicia) e que se celebra na Cidade da Cultura (do 30 de setembro ao 2 de outubro), e fíxoo para dar a coñecer os pormenores do proceso de transformación dixital no que se atopa inmersa a Sociedade Galega do Medio Ambiente.
Logo de explicar as funcionalidades e operativa desta empresa pública, encargada de xestionar e tratar os residuos urbanos producidos por 304 concellos (o 97% do total de Galicia), Sueiro Costoya detívose nos proxectos e iniciativas contemplados no Plan Estratéxico da compañía para o período 2025-2030, que pivota sobre a descarbonización e a enerxía renovable, o mellor servizo ao cliente e a dixitalización, actuacións todas elas ás que se destinará un investimento estimado de 100 millóns de euros, cifra que duplica o ritmo investidor da historia da Sociedade.
R-Dixital: Traza e Portal do Cliente
Tal e como sinalou o directora xeral, a dixitalización promovida por Sogama non responde unicamente á necesidade de innovar e modernizar sen máis, senón á pretensión, aliñada cunha clara vocación de servizo público, de ir máis aló do correcto tratamento dos residuos, recabando todos os datos inherentes ao proceso a fin de documentalos, analizalos e poñelos ao dispor dos concellos para axudarlles na toma de decisións e no cumprimento da normativa vixente en cada momento.
Dunha xestión manual e fragmentada, a empresa avanzará, grazas á transformación dixital, cara a un ecosistema de dato único, fiable e en tempo real, que xa está a facer realidade a través do programa R-Dixital, do que forman parte dous proxectos: Traza e Portal do Cliente
A rastrexabilidade do residuo, desde que entra nas instalacións da Sociedade ata que sae das mesmas convertido en recurso (materia prima e enerxía), constitúe o eixo da xestión, xa que achega información de gran utilidade e fiabilidade, á vez que evita o erro humano.
Tal e como indicou Mirta Sueiro, “Todo estará rexistrado e accesible: os datos de cada camión municipal que entra nas plantas de transferencia (peso, procedencia, fracción, matrícula), a localización e situación dos contedores de Sogama, a documentación esixida pola normativa, etc”.
Pola súa banda, o portal do cliente será a vía de comunicación por excelencia cos concellos. Unha plataforma a través da cal disporán de todos os datos ao momento: cantidades de residuos entregadas, loxística, indicadores de desempeño ambiental, facturación, avisos e anuncios, publicacións, campañas, materiais didácticos de apoio e mesmo un chatbot de axuda, operativo as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Información completa, detallada e diversa que mesmo permitirá a cada concello facer comparativas con outros de similares características e analizar, de ser o caso, a posibilidade de activar un plan de acción para mellorar a reciclaxe e reducir o contido da fracción resto, diminuíndo os custos.
Para a directiva de Sogama, “A dixitalización non é unha opción tecnolóxica, senón unha obrigación de servizo público, configurándose como unha das pancas coas que axudar aos municipios a xestionar de forma sostible os seus residuos”.
Sobre Energy Days
Evento de referencia para o sector enerxético, no mesmo abórdanse cuestións de gran interese nun momento no que a transición enerxética e a transformación dixital están a cambiar a nosa industria e cidades, e, polo tanto, a nosa sociedade.
Na xornada do 30 de setembro, as sesións centráronse na transición enerxética e a industria, prestando especial atención á almacenamento enerxético, a descarbonización e a eficiencia enerxética. Na de hoxe cobra protagonismo a sostibilidade, a hibridación e o almacenamento enerxético a gran escala, así como a innovación no sector eléctrico, a mobilidade eléctrica, as Smart Cities e as comunidades enerxéticas.
O peche da edición deste ano será mañá, 2 de outubro, e virá da man da enerxía eólica.
Saúdos, Departamento de Comunicación