
- A directora xeral de Sogama compartirá mesa co gerent adjunt d’EMSER 2002 de Pollença e o director de Residuos & Plásticos de VEOLIA
- A xornada acollerá tamén a presentación dos resultados dun estudo elaborado pola UDC sobre o cumprimento da normativa de residuos e solos contaminados para unha economía circular por parte das entidades locais
Cerceda, ao 28 de maio de 2025.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, foi convidada a participar no Foro FIREC “Diálogos de Economía Circular Local”, que lidera o investigador Juan José Pernas, e que terá lugar este venres, 30 de maio, no Nordés Club Empresarial da Coruña, sendo retransmitido tamén por streaming.
En concreto, Sueiro Costoya formará parte da mesa na que se exporán experiencias de distintas entidades xestoras de residuos no ámbito da economía circular, figurando entre estas, ademais de Sogama, as compañías EMSER, representada Sebastià Sansó i Jaume, gerent adjunt d’EMSER 2002 de Pollença, e VEOLIA, que o estará por Rafael Sánchez Aparicio, director de Residuos & Plásticos.
Así mesmo, e con carácter previo, a xornada acollerá, a cargo de Jennifer Sánchez, profesora de Dereito Administrativo na UDC, e Itziar Sobrino García, investigadora postdoutoral ECOBAS-UDC, a presentación dos resultados dun estudo elaborado pola Universidade da Coruña sobre o cumprimento da normativa de residuos e solos contaminados para unha economía circular por parte das entidades locais.
Acto seguido darase paso aos diálogos circulares, que xirarán ao redor das tendencias da política da economía circular (Luis Medina-Montoya Hellgren, director de Proxectos, Fundación Economía Circular), e experiencias destacadas da xestión local de residuos (Aitana de la Varga, Profesora de Dereito Administrativo, Universitat Rovira i Virgili).
A primeira parte do evento culminará cun taller práctico sobre “A taxa de residuos municipal: estado da cuestión e propostas de actuación”, do que se encargará Gemma Patón García, catedrática de Dereito Financeiro, Universidade de Castela-A Mancha.
Patrocinado por VEOLIA e VIRATEC, o encontro conta coa colaboración da FEGAMP, ECOBAS e VIRATEC.
Saúdos, Departamento de Comunicación