- Representantes xuvenís elaboraron un documento de posición no que expoñen que a futura Lei vaia máis aló da xestión de residuos
- Entre as súas principais recomendacións figuran unha maior eficiencia no uso dos recursos, o impulso a produtos máis doados de reparar e reutilizar, o desenvolvemento de materiais secundarios seguros e de alta calidade, así como medidas que garantan que a transición circular sexa asequible e socialmente xusta
Cerceda, 9 de setembro de 2026.- Un grupo de mozos europeos trasladou á Comisión Europea as súas propostas para reforzar a futura Lei de Economía Circular, unha iniciativa lexislativa que Bruxelas prevé adoptar antes de que conclúa 2026 e que aspira a acelerar a transición cara a un modelo económico máis eficiente no uso dos recursos.
A reunión, que se celebrou o pasado 31 de agosto coa comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva, Jessika Roswall, forma parte do proceso participativo posto en marcha pola Comisión para incorporar a perspectiva da mocidade no deseño desta futura norma.
Os participantes elaboraron un documento de posición no que expoñen que a futura Lei de Economía Circular vaia máis aló da xestión de residuos. Entre as súas principais recomendacións figuran unha maior eficiencia no uso dos recursos, o impulso a produtos máis doados de reparar e reutilizar, o desenvolvemento de materiais secundarios seguros e de alta calidade, así como medidas que garantan que a transición circular sexa asequible e socialmente xusta.
O documento tamén reclama un maior investimento en competencias vinculadas á economía circular e a participación continuada dos mozos durante a fase de aplicación das futuras políticas.
Os morzos representantes das organizacións Generation Climate Europe e Academics for a Circular Economy, encargadas de coordinar o documento, valoraron a iniciativa como «un paso significativo» para reforzar a participación xuvenil na elaboración de políticas ambientais. «A futura lei establecerá o marco dun futuro cuxos efectos recaerán sobre nós como mozos, e estamos preparados para seguir contribuíndo coas nosas ideas», afirmaron.
A futura Lei de Economía Circular pretende mellorar as condicións económicas para o desenvolvemento de modelos circulares na Unión Europea. Entre os seus obxectivos atópase facilitar o movemento transfronteirizo de produtos, materiais reciclados e residuos, aumentar a dispoñibilidade de materias primas secundarias de calidade e estimular a súa demanda no mercado europeo.
O proceso de consulta xuvenil incluíu unha consulta en liña dirixida a persoas de entre 15 e 29 anos, unha sesión específica durante a conferencia anual da Plataforma Europea de Partes Interesadas da Economía Circular (ECESP) e diversos encontros con organizacións xuvenís.
Con esta Lei, a Comisión Europea busca reforzar a resiliencia económica, a competitividade e a descarbonización da UE mediante unha maior circularidade dos materiais e recursos, situando a economía circular como un dos eixos da súa estratexia industrial e ambiental para os próximos anos.
Fonte: CE