
- O obxectivo desta formación é potenciar o acceso da muller ao sector ambiental e, máis concretamente, ao campo da xestión e tratamento dos residuos urbanos
- Atendidas por monitoras especializadas, as integrantes do grupo tiveron a oportunidade de efectuar un percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman o complexo industrial de Cerceda, onde se tratan os residuos producidos por 295 concellos
Cerceda, a 25 de xuño de 2025.- Un grupo de mulleres que participan nun curso de formación impulsado pola Área de Igualdade do Concello de Narón (A Coruña), visitaron en días pasados o Complexo industrial de Sogama en Cerceda como parte dun módulo de inserción laboral a través do cal se pretende potenciar o acceso da muller ao sector ambiental, e máis concretamente, ao da xestión e tratamento dos residuos urbanos.
Educadoras especializadas ao servizo da empresa pública foron as encargadas de explicar ao colectivo a problemática inherente á elevada produción de refugallos, así como a operativa de Sogama, que pasa por aplicar de forma prioritaria o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e complementalo coa recuperación enerxética da parte non reciclable. Con isto, a empresa pon en valor, mediante a súa transformación en electricidade, a aqueles residuos que, dadas as súas características, non poden ser reutilizados nin reciclados, evitando ao mesmo tempo que acaben enterrados en vertedoiro, a opción máis contaminante e perniciosa para o medio ambiente e a saúde pública.
A información proporcionada foi reforzada cun itinerario virtual polas diferentes instalacións que conforman o complexo cercedense, onde se tratan os residuos producidos por 295 concellos, preto de 800.000 toneladas anuais.
Desta forma, e equipadas con lentes inmersivas 360º, as participantes puideron percorrer todos os recunchos desta infraestrutura e seguir o camiño dos residuos, desde que entran en Sogama ata que saen convertidos en recursos, ben en materiais destinados aos centros recicladores, desde onde se reincorporan ao circuíto comercial cunha nova vida, ben en enerxía.
A xornada pechouse cun coloquio final onde deixaron constancia das súas observacións, dúbidas e reflexións.
Saúdos, Departamento de Comunicación