- Un técnico da empresa pública desprazarase mañá, sábado, 27 de marzo, a este municipio lucense para impartir unha sesión formativa dirixida ás 25 familias que, voluntariamente, decidiron participar nesta iniciativa.
- O encontro, que se celebrará ás 11:00 horas, no Local Social, será aproveitado para repartir os composteiros subministrados gratuitamente por parte de Sogama ao Concello.
- Durante a sesión, o monitor detallará os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e poida aplicarse como abono natural na agricultura.
Cerceda, a 26 de marzo de 2021.- O Concello de Muras (Lugo), adscrito ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama en toda Galicia, solicitou a impartición dun curso de formación presencial para que as 25 familias que participan nesta iniciativa poidan instruírse na autoxestión da materia orgánica.
Mañá, sábado, 27 de marzo, un técnico de Sogama desprazarase a esta localidade para explicar aos veciños a técnica de autocompostaxe e solventar todas as dúbidas que estes poidan presentar. A xornada terá lugar ás 11:00 horas, no Local Social do municipio.
O encontro será aproveitado tamén para repartir os 25 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables,subministrados gratuitamente por esta empresa pública ao Concello.
OBXECTIVO: OBTER UN COMPOST DE ALTA CALIDADE
Durante a sesión, o monitor detallará os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e poida aplicarse como abono natural na agricultura.
Comezarase polo propio emprazamento do composteiro, que debe colocarse no exterior, preto da vivenda e en contacto directo co solo para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores. Igualmente, clarificarase o que debe e non debe depositarse neste recipiente, e indicaranse os mecanismos de control en canto a osíxeno, temperatura e humidade.
Así mesmo, incidirase nas vantaxes ambientais e económicas que reporta a valorización dos restos orgánicos en orixe, xa que, ao reciclarse in situ, evítanse os continuos desprazamentos aos contedores verdes convencionais e facilítase incluso a redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais. Ao entregar menos refugallos para o seu tratamento final en planta, tamén se minoran os custos de xestión.
En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional arraigada no rural galego como é a segregación dos refugallos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica, moderna e eficiente grazas ás prestacións do composteiro
Persoal do Concello será o encargado de facer un seguimento da iniciativa.
Un total de 81 entidades da provincia de Lugo (43 Concellos, 29 centros educativos e 9 colectivos sociais) están adscritas a este programa de compostaxe impulsado por Sogama, tendo distribuído entre as mesmas máis de 3.300 composteiros.
Toda a información sobre o programa en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación