- A colaboración cidadá e a corresponsabilidade impóñense nunha xornada na que se apela ao civismo, a prudencia e as condutas sostibles
- Deixar o espazo usado tal e como se atopou antes da celebración é a máxima que debe guiar a xornada
Cerceda, 22 de xuño de 2026.- O espertar da noite máis longa do ano adoita converterse nun auténtico quebradizo de cabeza para os concellos debido á inxente cantidade de residuos que inundan areais, rúas, espazos naturais e de recreo, así como lugares improvisados para unha celebración ao aire libre na que o lixo acumulado pasa a ser a protagonista dunha estampa desoladora durante as primeiras horas do día.
Malia que poida ser unha das noites máis máxicas do ano, o certo é que os residuos non desaparecen por arte de maxia. Os entes locais vense obrigados a despregar amplos dispositivos, tanto materiais como humanos, de recollida e limpeza, para que, desde o amencer, a xornada flúa con normalidade e a afección á contorna sexa mínima. Pola súa banda, os camións de lixo municipais deben efectuar máis viaxes do habitual ás instalacións de Sogama para que os refugallos sexan tratados correctamente e non supoñan un risco ambiental, co incremento de custes que isto trae consigo.
Moitos concellos xa publicaron normas e recomendacións para que a noite de San Xoán se goce con civismo, prudencia e corresponsabilidade. Desde Sogama, queremos contribuír a esta chamada á colaboración cuns sinxelos consellos que, aínda que básicos, si poden resultar efectivos:
1.- Planifica a celebración con suficiente antelación e tendo en conta todas as variables. Usa zonas autorizadas para as fogueiras (xamais en espazos naturais protexidos, áreas de alto risco de incendios ou expresamente prohibidas polos concellos) e equípate con bolsas resistentes para os residuos.
2.- Non todo serve para queimar. Infórmate a través de fontes fiables e, por suposto, evita elementos tóxicos e contaminantes como madeiras tratadas, pneumáticos, inflamables, etc.
3.- Prioriza o reutilizable, especialmente vaixelas, vasos, panos de mesa, e prescinde dos produtos de usar e tirar.
4.- Ao finalizar a celebración, apaga a fogueira de forma segura, utilizando auga ou area, recolle os residuos, deposita cada tipoloxía na súa bolsa e lévaas aos contedores correspondentes para propiciar a súa recuperación e reciclaxe.
5.- Ollo cos pequenos refugallos que case non se ven e acaban enterrados na area ou no campo, como é o caso das cabichas. Recolle absolutamente todo, supervisa antes de marchar e deixa o espazo usado nas mesmas condicións nas que estaba cando chegaches.
Saúdos, Departamento de Comunicación