
- Sogama remitiu ao ente local, e de forma gratuíta, 30 unidades e igual número de manuais didácticos de apoio para repartir entre os veciños participantes
- Así mesmo, púxose ao dispor do Concello para impartir un curso de formación presencial
- O obxectivo último desta iniciativa é aforrar custos ambientais e económicos
Cerceda, ao 22 de maio de 2025.- Sogama entregou ao Concello da Baña (A Coruña) unha nova partida de 30 composteiros a fin de que o ente local poida ampliar o seu programa de compostaxe doméstica a outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, axudándolles así a pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica, conforme aos preceptos da economía circular.
Ademais de dar resposta ao principio de proximidade na correcta xestión dos residuos, cos conseguintes beneficios ambientais e económicos, a pretensión do Concello é entregar menos residuos a Sogama e, desta forma, minorar o importe das facturas a pagar a esta empresa pública.
Outra das vantaxes é que os participantes teñen a oportunidade de elaborar o seu propio abono natural e prescindir da compra de fertilizantes artificiais.
A dinámica a seguir é sobradamente coñecida no medio rural, xa que, dende sempre, deuse unha segunda oportunidade aos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Neste caso, a novidade vén da man do composteiro, un recipiente con capacidade para 400 litros, e fabricado con materiais reciclados e reciclables, que minimiza posibles cheiros, dota de maior comodidade ao proceso e faino máis hixiénico e eficiente.
Ademais dos composteiros, Sogama enviou ao Concello manuais didácticos de apoio, nos que os usuarios poderán atopar todas as explicacións necesarias para lograr un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e que, polo tanto, poida utilizarse sen restricións. Nos mesmos tamén se dá resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns, resultando de gran utilidade no día a día.
Con todo, Sogama púxose ao dispor do Concello para impartir unha sesión formativa presencial a fin de explicar polo miúdo a operativa a levar a cabo pola veciñanza e resolver todas as dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación