
- Sogama remitiu ao ente local 30 novos composteiros que, sumados a outras entregas anteriores, fan un total de 255
- Así mesmo, impartirá un curso de formación presencial o próximo 10 de xuño, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal, onde explicará aos veciños a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade
- Dado que, preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica está conformada por materia orgánica, se esta fracción se xestiona en orixe, evítase o seu depósito no contedor da rúa, cos conseguintes beneficios ambientais e económicos
Cerceda, a 30 de maio de 2025.- O Concello de Cedeira (A Coruña) decidiu acometer unha nova ampliación do seu programa de compostaxe doméstica, facendo partícipe do mesmo a unha nova trintena de vivendas unifamiliares. O obxectivo non é outro que estender os beneficios ambientais e económicos que trae consigo a xestión da materia orgánica in situ, xa que, a partir da mesma, obtense un abono natural de alta calidade para o terreo (xardín, horta e/ou terras de cultivo), coa particularidade de que se evita que aproximadamente o 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica tipo acabe no contedor da rúa, propiciando unha menor entrega de bolsa negra a Sogama, extremo que tamén aforrará custos ás arcas locais.
Neste marco, a empresa subministrou ao ente local 30 composteiros que, sumados a outras entregas anteriores, fan un total de 255.
Así mesmo, proporcionoulle manuais de autocompostaxe para distribuír entre os veciños, á vez que impartirá un curso de formación presencial na localidade, e que terá lugar o 10 de xuño, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal.
Formación e seguimento
Técnicos especializados explicarán aos asistentes toda a operativa a seguir: localización idónea do composteiro, residuos que deben e non deben ser depositados no mesmo, erros máis frecuentes, necesario control de parámetros (osíxeno, temperatura e humidade) e vantaxes.
Trátase, en definitiva, de recuperar unha práctica tradicional en Galicia, como é a segregación de restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero apoiada neste caso polo composteiro, que axuda a que o proceso sexa máis cómodo, hixiénico e eficiente.
O concello deberá realizar un seguimento da ampliación e entregar a Sogama o informe correspondente.
Máis de 6.500 composteiros repartidos na provincia da Coruña
A día de hoxe, 143 entidades da provincia da Coruña (54 concellos, 76 centros educativos e 13 colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 6.500 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación