- O ente local estende o programa de autoxestión da materia orgánica a 25 novas vivendas unifamiliares e recibirá de Sogama outros tantos composteiros e cubos domiciliarios, ademais de manuais didácticos de apoio
- A empresa pública tamén se puxo a disposición do Concello para impartir un curso de formación presencial dirixido aos veciños participantes nesta iniciativa
Cerceda, 26 de maio de 2026.- A solicitude do Concello de Monfero (A Coruña), Sogama remitiralle estes días unha nova partida de 25 composteiros, xunto con outros tantos cubos domiciliarios marróns, co fin de que o ente local poida expandir o seu programa de compostaxe doméstica a novas vivendas, que en todo caso deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante para pechar o ciclo de aproveitamento da materia orgánica e darlle unha nova vida.
Estes 25 véñense a sumar a outro envío anterior de igual número, pretendendo con isto recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente dispensada polo composteiro, que conta con capacidade para 400 litros e está fabricado con materiais reciclados e reciclables.
A empresa pública tamén se puxo a disposición do Concello para impartir un curso de formación presencial e explicar aos veciños participantes a operativa a seguir para obter un abono de alta calidade e resolver dúbidas. Así mesmo, remitiralle manuais didácticos de autocompostaxe para a súa posterior entrega aos usuarios, toda vez que nos mesmos se detallan os pasos a dar, especificando o lugar estratéxico para a colocación do composteiro, que debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, os residuos que deben introducirse no mesmo, e o control da humidade, a temperatura e o osíxeno. Tamén dá resposta ás preguntas máis frecuentes como, por exemplo, que facer ante a presenza de roedores, por que remover e airear a mestura, cales son os beneficios desta xestión, etc.
Saúdos, Departamento de Comunicación