
- O presidente de Sogama compareceu onte en sede parlamentaria para explicar os pormenores da futura instalación, que se levantará no propio Complexo Medioambiental de Cerceda, onde xa se iniciou o movemento de terras o pasado mes de agosto
- Cunha capacidade inicial para 3.000 Tn/ano, ampliable a 24.000, e un investimento de 22,4 M€, será a primeira planta pública de España destas características e o seu labor centrarase en separar as pezas por tipoloxías para que sexan posteriormente recuperadas
- Sogama tamén se atopa traballando na procura de solucións para poñer en valor a fracción téxtil que aínda segue chegando mesturada na bolsa negra, e que representa en torno ao 6-7%
- Ademais de contribuír á reciclaxe e aos obxectivos de descarbonización, a planta creará, nunha primeira fase, entre 16 e 30 postos de traballo, a cubrir preferentemente por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Cerceda, a 12 de setembro de 2025.- Durante a súa comparecencia en sede parlamentaria para explicar os pormenores da futura planta de clasificación de residuos téxtiles, a primeira de carácter público en España, e que se levantará no Complexo Ambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), o presidente da Sociedade, Javier Domínguez Lino, abundou na oportunidade que esta instalación representa para o sector da moda galega, contribuíndo a facela máis circular e sostible.
Cun investimento de 22,4 millóns de euros, que se sufragará, nunha parte, cos 12 millóns captados pola empresa a través dos Fondos MRR (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia), a planta debe estar operativa en xuño de 2026, polo que a maquinaria xa empezou a traballar. De feito, tal e como informou onte Domínguez no seno da Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, o pasado mes de agosto xa se iniciou o movemento de terras, que avanza a bo ritmo, e axilizáronse os trámites administrativos necesarios para cumprir os prazos establecidos.
Explicou que a posta en marcha desta instalación enmárcase na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga aos concellos a instaurar a recollida diferenciada dos residuos téxtiles desde o 1 de xaneiro de 2025, e ás empresas do sector a incorporar aos seus produtos unha porcentaxe de fibra reciclada.
Cunha capacidade inicial para 3.000 toneladas/ano, ampliable ata 24.000, a instalación ocupará unha superficie de 8.000 m2 e o seu labor centrarase na selección de téxtiles por composición e cores, procedendo ao seu envío aos centros recicladores para que sexan transformados en fibra téxtil reciclada ou ben en produtos illantes.
Non obstante, e con carácter previo, a instalación contempla unha preclasificación das pezas que se atopen en bo estado para destinalas a reutilización. Pola súa banda, aquelas que, dadas as súas características, non poidan ser reutilizadas nin recicladas, serán valorizadas enerxeticamente, evitando que acaben enterradas en vertedoiro pola alta carga contaminante deste sistema. Así, a nova planta contribuirá ao cumprimento dos esixentes obxectivos europeos en materia de reciclaxe, así como aos propios obxectivos de descarbonización de Galicia.
Pero o esforzo de Sogama non se limitará á recuperación de téxtiles procedentes da recollida selectiva, senón que tamén se centrará naqueles que aínda chegan ao Complexo cercedense mesturados coa fracción resto (bolsa negra), e que veñen representar ao redor dun 6-7% do total, traballando na procura de solucións para poñelos en valor.
Contribución á economía e ao emprego
Así mesmo, o máximo responsable de Sogama incidiu na contribución ao emprego verde desta instalación, que creará, nunha primeira fase, entre 16 e 30 postos de traballo, a cubrir preferentemente por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Igualmente, e ao incluírse no proxecto estratéxico do Goberno autonómico para impulsar un hub ou polo téxtil, a planta tamén axudará a atraer investimentos, empresas e iniciativas vinculadas a un sector que, nos próximos anos, realizará unha forte aposta pola innovación.
Normativa estatal con inconcreciones
O pasado mes de xullo, é dicir, tres anos despois da publicación da lei 7/2022, o Ministerio de Transición Ecolóxica sacou a exposición pública o Real Decreto que regulará a responsabilidade ampliada do produtor (RAP) e ao que Sogama e a propia Xunta, ademais doutras entidades, presentaron alegacións debido ás súas inconcrecións en distintos aspectos que, a xuízo de Domínguez Lino, deben ser convenientemente revisados, precisados e corrixidos polo MITECO para que a xestión do residuo téxtil se leve a cabo con absolutas garantías.
Saúdos, Departamento de Comunicación