- Sogama subministrou ao ente local 30 novos composteiros para distribuír entre outras tantas familias e púxose á súa disposición para impartir un curso de formación presencial destinado aos participantes
Cerceda, 29 de decembro de 2025.- Novas familias de Moeche (A Coruña) incorporáronse ao programa de compostaxe doméstica impulsada polo ente local coa colaboración de Sogama. Para isto, a empresa pública subministrou ao Concello 30 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que se suman a outras partidas anteriores, facendo un total de 75 os recipientes entregados pola compañía neste municipio.
O obxectivo desta nova fase é propiciar que máis vivendas da localidade autoxestionen a súa materia orgánica, dados os importantes beneficios ambientais, económicos e sociais desta práctica, que goza xa dunha gran tradición no medio rural, e que agora se moderniza para facela máis eficiente, cómoda e hixiénica.
Sogama púxose ao dispor do Concello para impartir unha sesión formativa presencial dirixida aos participantes e na que explicaría a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade e que cumpra todos os requisitos esixidos pola normativa vixente para poder ser aplicado na agricultura e a xardinería con garantías e restricións.
Así mesmo, a empresa pública remitiu ao ente local unha tirada de manuais didácticos de apoio, para repartir tamén entre os usuarios, nos que se detalla o proceso: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden -e non poden- introducirse no recipiente, e o necesario control de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, resultando esencial que a mestura garde un equilibrio axeitado entre fracción húmida e seca.
Nos manuais tamén se dá resposta ás preguntas máis comúns e aos erros máis frecuentes.
Saúdos, Departamento de Comunicación