
- Debido ás dificultades da súa reciclaxe ao estar conformado por plásticos de distinta natureza, lanzouse no seu momento o proxecto de innovación RECITURF para aumentar a taxa de valorización e obter materiais de maior calidade.
- Liderado por Aimplas, o proxecto está aliñado coa economía circular e os ODS.
Cerceda, 25 de marzo de 2021.- Se ben o céspede artificial ten numerosas vantaxes como a cantidade de horas que permite practicar deporte sobre o mesmo ou o aforro de auga no seu mantemento, unha vez culminada a súa vida útil, que varía entre os 5 e 10 anos, resulta difícil reciclalo debido a que está conformado con materiais plásticos de distinta natureza. Nin sequera todos eles son termoplásticos, xa que o soporte secundario está fabricado con poliuretano ou látex (un termoestable).
A excepción do caucho, que se reutiliza como recheo en instalacións deportivas, os residuos de céspede artificial acaban en vertedoiro.
Neste marco lanzouse o proxecto RECITURF. Liderado por AIMPLAS (Instituto Tecnolóxico do Plástico), conta coa participación de ACTECO e REALTURF, sendo o seu obxectivo introducir a innovación no tratamento destes refugallos para aumentar a taxa de reciclaxe e obter materiais de maior calidade, propiciando que a súa valorización sexa tamén sostible desde o punto de vista económico.
A iniciativa permitirá desenvolver novos procesos de reciclaxe incluíndo a degradación biolóxica e/ou enzimática, así como a reciclaxe química do soporte (poliuretano) mediante glicólisis, facilitando a separación dos distintos materiais para a súa posterior reciclaxe mecánica. Desta forma valorízase o polipropileno, o PET e o poliuretano que o conforman.
Aliñado co modelo de economía circular e cos ODS 9, 12 e 13, o proxecto involucra a toda a cadea de valor do sector para facer posible a súa implementación industrial. O resultado será un demostrador elaborado cos materiais obtidos e a avaliación económica do mesmo.
Fonte e imaxe: Aimplas