
- A empresa pública destinou máis de 600.000 euros a estabilizar e consolidar o noiro dunha parcela anexa á que acolle a instalación, así como a construír novos vestiarios e a reparar o aparcadoiro de contedores existente, ao que dotou con dúas novas prazas
- Cabe lembrar que a planta de transferencia de Ribadumia dá servizo a máis dunha vintena de concellos que chegan a duplicar, e mesmo a triplicar, os seus residuos durante os meses de maior afluencia turística
Cerceda, a 21 de maio de 2025.- Sogama destinou máis de 600.000 euros a financiar as obras de estabilización e consolidación dun noiro, de gran altura e elevada pendente, que dá soporte a unha parcela anexa á que esta entidade pública ten en Ribadumia (Pontevedra) e sobre a que se asenta a súa planta de transferencia, así como á construción de novos vestiarios e á reparación do aparcadoiro de contedores existente, ao que dotou con dúas novas prazas.
Os resultados destas e outras actuacións foron constatados durante unha visita realizada á instalación por parte do alcalde, David Castro Mougán, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino. Este último lembrou que a planta de Ribadumia conta cunha gran actividade, xa que dá servizo a máis dunha vintena de concellos que, nos meses de maior afluencia turística, chegan a duplicar e mesmo a triplicar a cantidade de residuos descargados na mesma.
Bolsa amarela e bolsa negra
A instalación está preparada para transvasar a denominada bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), recollida a través do contedor da mesma cor, e a bolsa negra (resto ou non reciclable depositada polo cidadán no contedor xenérico). Ambas as dúas fraccións son transportadas ata a planta polos servizos de recollida municipal, onde se transfiren, de forma diferenciada, a contedores de gran capacidade, que contan con todos os mecanismos de seguridade e aptos para viaxes a longas distancias.
Tanto a bolsa amarela como a negra transpórtanse ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para recibir tratamento. Mentres que os materiais da primeira sepáranse por tipoloxías nunha planta de clasificación para remitir aos centros recicladores, os que integran a segunda (fracción resto) son seleccionados nunha planta que opera con tecnoloxía 4.0 para enviar á industria transformadora a parte reciclable, destinando o resto á produción de enerxía eléctrica.
Os municipios usuarios desta instalación que dispoñen de recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón, deben transportala á planta de compostaxe de Vilanova de Arousa, onde se converte nun abono natural apto para ser aplicado no sector da agricultura e xardinería.
En 2024, a planta de Ribadumia transferiu 99.145,51 toneladas de bolsa negra (un 0,33% menos que en 2023) e 4.545,74 toneladas de bolsa amarela, un 6,76% máis que o ano anterior.
Saúdos, Departamento de Comunicación