- Os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos producidos conteñen materiais e compoñentes que precisan un tratamento axeitado para ser reciclados e así evitar impactos negativos no medio ambiente
Cerceda, 5 de xaneiro de 2026.-Os meses de decembro e xaneiro adoitan concentrar o peche de ciclos tecnolóxicos: actualización de equipos informáticos, substitución de pequenos electrodomésticos, renovación de aparellos para o fogar ou cambio de dispositivos utilizados no ámbito laboral. Todo isto, favorecido polos agasallos de Nadal e Reis Magos, xera un aumento significativo de residuos electrónicos que conteñen materiais e compoñentes que requiren un tratamento axeitado para a súa reciclaxe e así evitar impactos negativos no medio ambiente.
Neste escenario, a plataforma RAEE Andalucía lanzou unha serie de recomendacións para fomentar a correcta xestión dos residuos dos aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE)
- Non tires os RAEE ao lixo: deben ser recollidos separadamente para facilitar a recuperación de materiais prexudiciais para a contorna.
- Entrega os RAEE en puntos autorizados: a meirande parte dos municipios dispoñen de puntos limpos para poder depositar estes materiais. A todo isto súmanselle a regra do 1×1, que consiste na posibilidade de recollida gratuíta dun electrodoméstico por parte dun comercio se se adquiriu previamente o mesmo dispositivo, e a regra 1×0, que permite reciclar pequenos aparellos depositándoos gratuitamente nunha tenda cunha superficie de venda de máis de 400 m2.
- Reutiliza o dispositivo: se o aparello en cuestión aínda funciona, sempre pode entregarse a programas de economía circular que prolonguen a súa vida útil.
- Evita o abandono de RAEE na vía pública ou xunto a contedores: este tipo de accións, non permitidas pola normativa vixente, impide a correcta reciclaxe destes dispositivos e fomenta a “canibalización” por terceiros.
Seguir este tipo de pautas garante que os RAEE sexan tratados correctamente polas entidades correspondentes, permitindo a recuperación de materiais, reducindo a extracción de materias primas da natureza e, por conseguinte, contribuíndo á economía circular e á sustentabilidade.
Fonte: Residuos Profesional
Saúdos, Departamento de Comunicación