
- Cada centro recibirá desta empresa pública unha dotación económica de 1.500 euros, que deberá destinar a material e/ou accións educativas
- O cartel do colexio ourensán “Non esperes a que sexa tarde”, está inspirado en Wall-e, unha película de animación protagonizada por un robot deseñado para limpar o lixo que cobre a Terra logo de ser devastada e abandoada polo ser humano
- Pola súa banda, o cartel do instituto monfortino “Reciclar é dar unha segunda vida aos recursos, protexendo o planeta para as xeracións futuras”, reproduce a imaxe dunha muller abrazando o planeta co símbolo da reciclaxe
Cerceda, a 16 de maio de 2025.- O CEIP Manuel Luis Acuña, de Ourense, na modalidade de educación Primaria, e o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos (Lugo), na de educación Secundaria e Formación Profesional, foron premiados no marco do concurso de carteis integrado no programa “Recíclate con Sogama” 2024-2025 e canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Cada centro recibirá unha dotación económica de 1.500 euros, que deberá destinar a material e/ou accións educativas.
Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Reciclaxe, que terá lugar mañá, 17 de maio, Sogama fai públicos estes galardóns co fin de transmitir o compromiso da comunidade educativa coa xestión sostible dos residuos en xeral e a reciclaxe en particular.
Un xurado conformado por representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e Sogama, foi o encargado de avaliar as candidaturas e elixir os gañadores dos mellores traballos en base a parámetros tales como a calidade do cartel, a creatividade e orixinalidade, a mensaxe transmitida e a claridade na redacción do texto explicativo para facilitar a súa comprensión.
O obxectivo deste concurso é precisamente promover o interese do alumnado pola reciclaxe dos residuos municipais e que, a través da súa imaxinación, expresión e dotes artísticas, difunda as súas bondades para a protección do medio ambiente e a saúde.
O cartel do colexio ourensán está inspirado en Wall-e, unha película de animación producida por Walt Disney Pictures e Pixar Animation Studios, e protagonizada por un robot deseñado para limpar o lixo que cobre a Terra logo de ser devastada e abandoada polo ser humano.
O escolar autor desta obra representa unha escena que se podería reproducir nun futuro se non se adoptan as medidas necesarias e proseguimos cun consumo desorbitado de enerxía e recursos naturais, e e unha insuficiente reciclaxe. “Non esperes a que sexa tarde” é a mensaxe dun cartel que advirte sobre as posibles consecuencias da inacción ambiental.
O traballo do instituto monfortino reproduce a imaxe dunha muller abrazando o planeta co símbolo da reciclaxe, utilizando para isto unha gama de cores no que destaca o verde. No texto que acompaña o debuxo, explícase as vantaxes da reciclaxe na redución da produción de residuos, no aforro de enerxía e a posible diminución dos custos de produción para as empresas “Reciclar é dar unha segunda vida aos recursos, protexendo o planeta para as xeracións futuras”.
Sobre “Recíclate con Sogama” 2024-2025
Trátase dun programa educativo promovido por esta empresa pública cuxo obxectivo principal é instaurar e fomentar a recollida selectiva de residuos nas aulas e propiciar que as boas prácticas se trasladen aos fogares.
Con tal fin, Sogama achegou aos centros participantes, tanto de Primaria como de Secundaria e Formación Profesional, distintos medios materiais e didácticos para que poidan levar a cabo os seus proxectos, que son supervisados periodicamente por educadores ao servizo desta empresa pública a fin de orientar os seus enfoques e resolver posibles dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación