- Os integrantes do colectivo estiveron atendidos en todo momento polo equipo educativo desta empresa pública, encargado de explicar o itinerario que seguen os residuos desde que se depositan nos contedores amarelo e xenérico ata que reciben tratamento
- As explicacións dos técnicos complementáronse cun itinerario, virtual e guiado a pé, polas distintas plantas que conforman a infraestrutura industrial para coñecer a súa operativa
Cerceda, 26 de outubro de 2026.- Veciños do Concello de Barbadás (Ourense) viaxaron a Cerceda (A Coruña) para coñecer de primeira man a actividade do Complexo Medioambiental de Sogama, onde reciben tratamento os residuos urbanos producidos por 304 municipios (máis de 2,3 millóns de habitantes), e mellorar así a súa achega á reciclaxe.
Acompañados por unha representación do ente local, os integrantes do colectivo estiveron atendidos en todo momento polo equipo educativo de Sogama, encargado de explicar o itinerario que seguen os residuos desde que se depositan nos contedores amarelo e xenérico ata que son tratados no Complexo Cercedense.
Os envases de plástico, latas e briks, recollidos a través do recipiente amarelo, son seleccionados mecanicamente por tipoloxías nunha planta de clasificación para ser remitidos aos correspondentes centros recicladores, onde son convertidas en novas materias primas. Pola súa banda, os refugallos introducidos no contedor xenérico, atravesan tamén distintas liñas de separación nunha planta específica que opera con tecnoloxía 4.0 a fin de recuperar a parte reciclable, que é remitida á industria transformadora para darlle unha nova vida. A non reciclable, acondicionada en forma de combustible CDR, alimenta unha planta termoeléctrica para producir electricidade (50% renovable). De feito, coa enerxía producida en Sogama podería abastecerse ao 12% dos fogares galegos.
A empresa pon así en valor un residuo que, doutro modo, acabaría desaproveitado en vertedoiro e, o que é peor, xerando un problema de contaminación ambiental e mesmo un risco para a saúde.
Durante o transcurso da xornada, os cidadáns de Barbadás puideron ver polo miúdo todos os recunchos das plantas que conforman o Complexo a través dunha visita virtual, para a que foron equipados con gafeñas 360º, que se complementou con outra guiada a pé.
O encontro finalizou cun coloquio no que tiveron ocasión de trasladar as súas observacións sobre a experiencia, consultar dúbidas e deixar constancia dos seus comentarios.
Saúdos, Departamento de Comunicación