- Sogama proporcionará ao ente local outros tantos composteiros, así como manuais didácticos de apoio, e impartirá o vindeiro xoves, día 23, un curso de formación presencial orientado aos participantes, que se celebrará, ás 19.30 horas, no local social da Casa Consistorial
- Pola súa banda, o municipio veciño de Cedeira, que conta con gran tradición na autoxestión da materia orgánica, recibirá tamén desta empresa pública unha nova partida de 25 composteiros
Cerceda, 19 de outubro de 2026.- O Concello de Cariño (A Coruña), coñecedor dos beneficios ambientais e económicos que trae consigo a autoxestión da materia orgánica, propúxose ampliar o seu programa local de compostaxe doméstica a 30 novas familias. Con esta iniciativa, non só promoverá a menor produción de residuos en orixe, senón tamén a transformación en compost dos restos orgánicos, que veñen a representar preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evitando o seu tratamento industrial e, polo tanto, diminuíndo os custos de xestión.
Con tal fin, esta empresa pública remitirá ao ente local 30 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, posibilitando así que o proceso de recuperación da fracción orgánica no fogar se leve a cabo de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, á vez que proporcionará igual número de manuais didácticos nos que se describe a técnica a aplicar e dáse resposta ás preguntas e dúbidas máis frecuentes.
Consciente de que o éxito da iniciativa dependerá en gran medida do bo traballo realizado polos participantes, o Concello solicitou a colaboración de Sogama para que un técnico especializado imparta na localidade un curso de formación presencial, que terá lugar o vindeiro xoves, 23 de outubro, ás 19.30 horas, no local social situado na Casa Consistorial.
Os asistentes serán instruídos na operativa a desenvolver para obter un abono de alta calidade e, polo tanto, apto para ser aplicado, coas máximas garantías, no sector agrícola e xardinería. É por isto que se detallará a dinámica a seguir desde a propia colocación do composteiro, que debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para posibilitar o acceso dos microorganismos descompoñedores e facilitar que estes fagan o seu traballo, ata a relación de refugallos que deben e non deben introducirse no composteiro, así como o seguimento e control de determinados parámetros (osíxeno, temperatura e humidade).
Igualmente, a sesión será aproveitada para que os asistentes poidan consultar todas as súas dúbidas sobre a xestión sostible dos residuos, incluíndo igualmente a recollida selectiva das distintas tipoloxías de refugallos xerados cada día e contedor de destino.
Nova partida para Cedeira
O Concello de Cedeira, cunha gran tradición na compostaxe doméstica, tamén decidiu estendelo a novas vivendas coa axuda de Sogama, quen lle proporcionará unha nova partida de 25 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación