- O grupo, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, foi recibido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen animou e alentou aos seus integrantes a colaborar nunha xestión máis sostible dos refugallos que producimos cada día
- Atendidos por técnicos desta empresa pública, os visitantes tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polo Complexo Medioambiental de Cerceda, que se complementou con outro guiado a pé
- A xornada concluíu cun coloquio para poñer en común comentarios e observacións, ademais de consultar dúbidas
Cerceda, 19 de novembro de 2026.- O Concello de Mos (Pontevedra), en colaboración con Aproema (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia), organizou unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) a fin de que medio cento de veciños do municipio integrados na Rede de Voluntariado “Coidamos” puidesen coñecer por si mesmos o percorrido que seguen os residuos desde que se depositan nos contedores das vías públicas ata que reciben tratamento para ser convertidos en novos recursos.
O grupo, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente de Mos, Laura Méndez, foi recibido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen animou e alentou aos seus integrantes a colaborar nunha xestión máis sostible dos residuos mediante prácticas de prevención, redución, reutilización e reciclaxe, seguindo a máxima de que o mellor residuo é aquel que non chega a producirse. “Só así poderemos preservar os escasos e limitados recursos naturais e aforrar custos, tanto ambientais como económicos”, destacou.
Atendido por técnicos da Sociedade, o colectivo tivo a oportunidade de realizar un percorrido virtual por las distintas plantas que conforman o Complexo cercedense, comprobando así os procesos, tecnoloxías e operativa, que pasa por clasificar os materiais con posibilidades de ser reciclados para o seu posterior envío á industria transformadora e valorizar enerxeticamente o resto, é dicir, convertelo en electricidade. Desta forma, evítase que a parte non reciclable acabe enterrada en vertedoiro, cos conseguintes problemas de contaminación e riscos para a saúde pública.
A visita inmersiva complementouse con outra guiada a pé polos puntos estratéxicos desta infraestrutura, concluíndo a xornada cun coloquio no que os veciños de Mos puideron trasladar os seus comentarios e observacións, ademais de consultar as súas dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación