- Desta forma, serán máis de medio centenar as vivendas unifamiliares deste municipio que participarán nesta iniciativa
Cerceda, 15 de outubro de 2026.- O Concello de Santiso (A Coruña) reforza o seu programa de autocompostaxe coa distribución dunha nova partida de composteiros achegada por Sogama. Desta forma, serán máis de medio cento as vivendas unifamiliares deste municipio que participarán nesta iniciativa conforme ao modelo de autoxestión da materia orgánica que a empresa pública promove en Galicia.
A fin de que os resultados sexan exitosos, os veciños participantes deben seguir unha serie de recomendacións para obter un compost de alta calidade, que logo poderán utilizar como abono natural nas súas hortas, xardíns e terras de cultivo. Para isto, é necesario que o composteiro, con capacidade para 400 litros, estea situado no exterior das vivendas, en contacto directo coa terra e nunha zona protexida das condicións climatolóxicas adversas. Tamén deben depositar no mesmo os restos orgánicos que poidan tratarse a través desta operativa, así como levar a cabo un control e seguimento de todo o proceso para garantir que o compost obtido cumpra todos os requisitos esixidos pola lexislación vixente.
A veciñanza recupera así unha práctica que forma parte do acervo cultural e medioambiental do rural galego, pero valéndose dun recipiente co que se posibilita que o traballo aa realizar resulte máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Ademais de todo isto, o feito de xestionar a materia orgánica nos propios fogares, evita que esta se deposite nos contedores emprazados nas vías públicas, aforrando custos, tanto medioambientais como económicos, xa que ao redor do 40% dos residuos que as familias producen cada día (restos orgánicos) reciben tratamento no propio fogar.
Saúdos, Departamento de Comunicación