- A empresa pública enviou ao ente local unha vintena de composteiros, que foron entregados noutras tantas vivendas unifamiliares, así como igual número de cubos marróns para a materia orgánica
- Igualmente, impartiu un curso de formación para instruír aos participantes na técnica da autocompostaxe, con grandes beneficios ambientais e económicos
- A día de hoxe, un total de 234 concellos das catro provincias, ademais de centros educativos e colectivos sociais, están adscritos ao programa promovido por Sogama, tendo repartido gratuitamente entre os mesmos preto de 24.000 composteiros
Cerceda, 4 de decembro de 2025.- O Concello do Pino (A Coruña) adheriuse ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia e cuxo obxectivo é promover a autoxestión da materia orgánica para obter, a partir da mesma, un abono natural de alta calidade para ser aplicado en terras agrícolas e xardíns.
O programa recupera unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento de animais domésticos ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente. É por isto que, no marco desta iniciativa, Sogama proporciona gratuitamente composteiros, recipientes con capacidade para 400 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables, nos que os usuarios depositan a fracción orgánica para ser sometida a fermentación controlada.
O Pino repartiu unha vintena de composteiros, e igual número de cubos marróns (con capacidade para 10 litros), entre outras tantas familias que residen en vivendas unifamiliares con terreo no que aplicar o abono resultante, pechando desta forma o ciclo de recuperación da materia orgánica, que regresa ao solo para dar unha nova vida. Todo un paradigma da economía circular.
Curso de formación
A fin de que os veciños participantes dispoñan da información e formación necesaria para levar a cabo o proceso de autocompostaxe con garantías, técnicos de Sogama impartiron no Concello, concretamente no Centro Sociocultural Luis Seoane, un curso no que explicaron aos asistentes os distintos pasos a seguir: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata os materiais que deben -e non deben- depositarse no mesmo, así coma o debido control de parámetros que inflúen de forma notoria no resultado final, como é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
Ademais dos evidentes beneficios ambientais desta práctica, tamén cabe destacar os propiamente económicos, xa que as familias que participan neste programa poden prescindir de usar o contedor da rúa para a materia orgánica, fracción que vén a representar, no cómputo global da composición dunha bolsa de lixo tipo, en torno ao 40%. Así mesmo, posibilítase a redución do transporte de residuos e, por tanto, das emisións de CO2 á atmosfera, ao tempo que se prescinde do tratamento finalista en planta industrial.
Camiño das 500 entidades adscritas
Actualmente, un total de 489 entidades (234 concellos, 221 centros educativos e 34 colectivos sociais) de toda a comunidade están adscritas ao programa de compostaxe doméstica, tendo repartido entre as mesmas preto de 24.000 compostadores, así como material didáctico e divulgativo de apoio.
Saúdos, Departamento de Comunicación