- Destinadas a escolares de primaria, complementáronse con actividades de carácter lúdico para afianzar e reforzar coñecementos
- As sesións incluíron unha explicación da operativa da planta de compostaxe industrial de Vilanova de Arousa, onde se tratan os residuos orgánicos recolleitos de forma diferenciada a través deste recipiente
Cerceda, 9 de novembro de 2026.- Escolares de primaria do CEIP do Seixo, pertencente ao Concello de Marín (Pontevedra), recibiron, a cargo de educadores de Sogama, dúas sesións formativas centradas no contedor marrón, o de máis recente incorporación ás rúas e destinado á recollida diferenciada da materia orgánica.
O obxectivo das charlas, complementadas con distintas actividades lúdicas para afianzar e reforzar coñecementos, non era outro que clarificar a relación de residuos que deben, e non deben, ser depositados neste recipiente, así coma o tratamento ao que son sometidos na correspondente planta de compostaxe, que no caso de Marín é a situada en Vilanova de Arousa.
Alí, e tras separar os impropios, é dicir, aqueles materiais que, dadas as súas características, non deberían ser introducidos no contedor marrón, os residuos orgánicos atravesan un proceso de fermentación, maduración e afino para ser transformados en compost.
Co fin de acadar unha operativa exitosa, resulta esencial unha boa selección en orixe, é dicir, que o 95% dos materiais sexan compostables, garantindo así que o abono resultante poida ser cualificado como apto para a súa posterior aplicación na agricultura e xardinería.
No transcurso das formacións, fíxose especial fincapé nos beneficios que trae consigo o contedor marrón, xa que permite pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica, obtendo un abono natural que achega nutrientes ao solo e mellora a súa estrutura, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
Así mesmo, permite minorar a presenza de restos orgánicos no contedor xenérico, diminuíndo así a cantidade de refugallos destinados a valorización enerxética, á vez que incrementa a cantidade e calidade das fraccións recollidas selectivamente, garantindo un maior reciclado
A xornada foi aproveitada polos monitores de Sogama para repasar e poñer a proba a bagaxe do alumnado en relación ao resto dos recipientes, resolvendo dúbidas e tomando boa nota dos comentarios e observacións dos grupos.
Saúdos, Departamento de Comunicación