- Desde o pasado 31 de xullo resulta posible estender a vida útil dos produtos e crear un sistema que priorice a reparación sobre a compra dun novo, resultando de aplicación a electrodomésticos e produtos electrónicos
- Prevese que as novas normas vinculadas á reparación xeren 4.800 millóns de euros en crecemento e investimento na UE
Cerceda, 5 de agosto de 2026.- Durante moitos anos, os cidadáns inclináronse por refugar un produto roto ou defectuoso e substituílo por un novo, en lugar de reparalo. De forma inevitable, esta mala práctica trouxo consigo un incremento considerable de residuos e un consumo innecesario de recursos.
A partir do 31 de xullo de 2026 resulta posible estender a vida útil dos produtos e crear un sistema que priorice a reparación sobre a compra dun novo. Isto aplicarase a electrodomésticos e produtos electrónicos como lavadoras, aspiradoras, teléfonos móbiles, tabletas, etc.
Estas novas normas xerarán aforros para os consumidores, impulsarán a economía circular e apoiarán os obxectivos do consumo sostible. Neste sentido, cabe subliñar que:
- Débese garantir aos consumidores o dereito a solicitar aos fabricantes a reparación dos produtos que, segundo a lexislación da UE, sexan tecnicamente reparables, debendo realizarse nun prazo razoable —salvo que o servizo sexa gratuíto— e a un prezo xusto.
- Estender por, alomenos 12 meses, a garantía legal do produto, cando o consumidor opta por reparar un produto en lugar de reemprazalo dentro do período de responsabilidade.
- Esixir aos fabricantes que proporcionen información facilmente accesible sobre os servizos de reparación, así como acceso a pezas de reposto a un prezo razoable.
Prevese que estas normas xeren 4.800 millóns de euros en crecemento e investimento na UE.
Unha nova plataforma europea de reparación en liña, que debería estar operativa en 2027, permitirá aos consumidores atopar máis facilmente talleres de reparación axeitados. A plataforma contará con seccións para cada país da UE.
Fonte e imaxe: Comisión Europea