- No mundo refúganse anualmente ao redor de 1.000 millóns de toneladas de alimentos comestibles, das cales o 60% desperdíciase nos fogares e o resto no sector da restauración e o comercio minorista debido a sistemas ineficientes
- Para abordar este problema é necesario redeseñar estes sistemas e realizar unha transición cara a un enfoque máis sostible e cíclico baseado na eficiencia, a resiliencia e a sostibilidade
Cerceda, 30 de marzo de 2026.- Hoxe conmemórase o Día Internacional do Desperdicio Cero, organizado conxuntamente, desde 2022, polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e o Programa das Nacións Unidas para os Asentamentos Humanos (ONU-HÁBITAT), sendo o seu obxectivo promover iniciativas de cero residuos e axudar a que se avance cara á consecución dos obxectivos e metas da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
Este ano, ponse o foco na alimentación, toda vez que no mundo refúganse anualmente ao redor de 1.000 millóns de toneladas de alimentos comestibles (case unha quinta parte de todos os dispoñibles para os consumidores), das cales o 60% desperdíciase nos fogares e o resto no sector da restauración e o comercio minorista debido a sistemas ineficientes. Para abordar este problema é necesario redeseñar estes sistemas e realizar unha transición cara a un enfoque máis sostible e cíclico baseado na eficiencia, a resiliencia e a sostibilidade.
Esta transición require a participación de todos: os gobernos deben fortalecer as políticas e as alianzas público-privadas; as empresas deben establecer obxectivos de redución do desperdicio de alimentos e innovar; e os consumidores deben planificar, almacenar e cociñar de forma consciente para reducir o desperdicio.
A ONU alerta
- Se introduxeramos os residuos municipais xerados nun ano en contedores de transporte estándar e os aliñásemos un tras outro, a cantidade total sería suficiente para dar 25 voltas ao mundo.
- O cada vez maior consumo de recursos é o principal factor causante da tripla crise planetaria do cambio climático, a contaminación e a perda de natureza e biodiversidade.
- Se nos quedamos de brazos cruzados, os residuos urbanos xerados aumentarán a 3.800 millóns de toneladas anuais para 2050.
- A meirande parte dos refugallos de comida xéranse nos fogares (60%), seguidos polos servizos de restauración (28%) e o comercio minorista (12%).
- A perda e o desperdicio de alimentos xeran entre o 8% e o 10% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, case cinco veces máis que as emisións da industria aeronáutica.
Fonte e imaxe: ONU