- Baixo o lema ‘A RAP como motor da Economía Circular’, terá lugar este mércores, 18 de novembro, en Madrid
- A xornada porá o foco nas oportunidades que ofrecen a xestión de residuos de cara a reducir a dependencia europea de materias primas esenciais para a transición enerxética e dixital, así coma nos avances tecnolóxicos e industriais que permiten recuperar materiais de alto valor e reincorporalos aos procesos produtivos
- A cita acollerá tamén a presentación do VII Informe Anual sobre tendencias na industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España
Cerceda, 16 de novembro de 2026.- Recyclia reunirá no seu EcoEncontro 2026 a científicos e representantes do eido industrial para analizar o papel da reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), pilas, baterías e envases na recuperación de materias primas e o fortalecemento da autonomía estratéxica europea.
A décimo cuarta edición desta cita, que se celebrará o próximo 18 de novembro, en Madrid, abordará ademais os retos da economía circular, con especial atención na prevención, a reutilización e a responsabilidade ampliada do produtor (RAP).
Baixo o lema ‘A RAP como motor da Economía Circular’, a xornada centrarase nas oportunidades que ofrecen a xestión de residuos de cara a reducir a dependencia europea de materias primas esenciais para a transición enerxética e dixital, así coma nos avances tecnolóxicos e industriais que permiten recuperar materiais de alto valor e reincorporalos aos procesos produtivos.
Logo do discurso de benvida de Luis Pérez Bermejo, presidente de Recyclia, o encontro ofrecerá un relatorio maxistral a cargo de Diego Vizcaíno, socio director de Economía Aplicada de Analistas Financeiros Internacionais (AFI), que porá o foco na estratexia europea de economía circular e a súa vinculación coa reindustrialización e a transición enerxética.
Acto seguido, Gabriel García, director xeral de Recyclia, presentará os resultados dos catro sistemas colectivos administrados pola entidade (Ecoasimelec, Ecofimática, Ecopilas e Recyclia Envases), así como as súas principais liñas de actividade.
Prevención, reutilización e recuperación de materias primas
Un dos principais espazos de debate será a mesa redonda dedicada á prevención, a reutilización e a recuperación de materias primas, na que participarán representantes do sector empresarial e da investigación científica para abordar distintas solucións e avances no aproveitamento dos recursos.
Nela intervirán Belén Miguel, consultora de Sostibilidade de Volvo Car España; Evaristo García, responsable da área de Proxectos e Innovación de Recyclia; Olga Rodríguez, científica titular do Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas (CENIM-CSIC); Félix López, director do Laboratorio de Reciclaxe de Materiais do CENIM-CSIC; e Higinio Zalvide, xefe de Compras de Secundarios de Atlantic Copper.
O programa incluirá tamén unha entrevista con Pedro Poveda, socio de Público e Sectores Regulados, e responsable de Medio Ambiente de Gómez-Acebo & Pombo Abogados, quen repasará a orixe, a evolución e as perspectivas de futuro da RAP, un modelo que adquiriu unha importancia crecente na xestión de diferentes fluxos de residuos.
Para rematar, Ana María Domínguez, responsable de Economía Aplicada de AFI, presentará o VII Informe Anual de Recyclia, dedicado ás tendencias na industria da reciclaxe de RAEE, pilas e baterías en España. A publicación ofrecerá unha visión actualizada da evolución do sector, os seus principais indicadores de actividade e impacto socioeconómico, e os retos e oportunidades que afronta nun contexto marcado polas novas esixencias regulatorias e a crecente demanda de materias primas.
Fonte e imaxe: Recyclia