- Editorial dopresidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente ao boletín informativo da Sociedade deste mes de abril
Cerceda, 29 de abril de 2026.-Podemos dicir que o balance do primeiro trimestre deste ano foi satisfactorio, sobre todo ao comprobar que 212 dos 280 concellos que solicitaron o canon reducido de Sogama en 2025, é dicir, o 76%, cumpriu algún dos requisitos inherentes ao mesmo: diminuír, nun 1%, a entrega de bolsa negra (fracción resto) a Sogama ou incrementar, nun 3%, a achega á reciclaxe da bolsa amarela (envases lixeiros) ou á compostaxe da marrón (materia orgánica).
Máis aló do aforro que iso supón para as arcas locais (ao redor de 7,6 millóns de euros), acredítase que o incentivo, e non a sanción, constitúe a vía máis acertada para fomentar unha xestión sostible dos residuos, e que o compromiso dos entes locais galegos coa redución e a reciclaxe é real.
Para 2026, o número de municipios que solicitaron acollerse á fórmula de canon reducido incrementouse, pasando a ser 284, o 96%, circunstancia que evidencia a oportunidade que para eles representa a axuda dispensada pola Xunta ao sufragar a diferenza económica entre o canon xenérico (111,13 €/Tn) e o reducido (97,76 €/Tn), circunscrito este último ás mesmas esixencias que o pasado ano. Unha axuda coa que o goberno autonómico pretende amortecer o desembolso que Sogama debe facer para soportar os impostos establecidos polo Estado á incineración e á vertedura, e compensar a supresión unilateral, en 2023, das retribucións comprometidas con esta empresa pública.
Tamén a Xunta, ao igual que no exercicio anterior, seguirá ingresando aos entes locais 12 €/Tn procedentes do fondo de Compensación Ambiental, co cal, o custo real do servizo poderá baixar para eles ata os 85 €/Tn, podendo aforrar as arcas locais un total de 10 millóns de euros.
Son un defensor convencido da importancia transcendental que ten a educación ambiental para que a sociedade avance cara a comportamentos máis respectuosos coa contorna. De feito, desde Sogama promovemos ambiciosas campañas e programas pedagóxicos con este fin, pero creo tamén que o incentivo económico cumpre un papel esencial, xa que axuda, motiva e intensifica o traballo das corporacións locais cara ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de redución e reciclaxe.
En contra do posicionamento do Goberno central, considero que premiar o traballo ben feito continúa a ser un reforzo positivo. E aos feitos me remito.
Boletín completo (abril 2026): https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/pdf/2026-04/newsletter_sogama_no_63_abril_2026.pdf