- Mantén este primeiro posto desde o ano 2015, coa particularidade de que tamén renovou a Mención de Excelencia que concede a Xunta de Galicia para o período 2025/26-2029/30
- Unha das principais fortalezas desta titulación é o seu cadro docente, totalmente interdisciplinar e caracterizado por unha alta produtividade científica
- Así mesmo, o máster conta cunha ampla rede de colaboracións con empresas (máis de 125) e centros de investigación
Cerceda, 30 de xuño de 2026.- O Máster en Enxeñaría Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela (USC), impartido na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñería) e coordinado polo recoñecido catedrático Francisco Omil Prieto, revalidou a súa primeira posición na rama de medio ambiente, que mantén desde 2015, no Ranking 250 Máster e MBA que elabora anualmente o xornal El Mundo. Este resultado é froito da análise 25 criterios de selección divididos segundo a demanda do máster, os recursos humanos, o plan de estudos, os resultados e os medios materiais.
Así mesmo, a titulación renovou a Mención de Excelencia que concede a Xunta de Galicia para o período 2025/26 – 2029/30, logo de presentar un informe pormenorizado coas accións e investimentos realizados durante os últimos cinco anos académicos, consolidándose como un referente en formación avanzada en sostibilidade e medio ambiente.
Neste sentido, cómpre lembrar que o Máster en Enxeñaría Ambiental tamén foi un dos primeiros do Sistema Universitario Galego en recibir a devandita mención na convocatoria inaugural da Xunta, no ano 2020, volvendo a ser pioneiro na súa renovación.
Unha das principais fortalezas desta titulación é o seu cadro docente, totalmente interdisciplinar (xa que abarca 13 áreas de coñecemento que van desde a enxeñaría ata as ciencias sociais), cunha alta produtividade científica (non en van, a maioría dos seus membros pertencen ao Centro Singular CRETUS) e un equilibrio entre xéneros, contando tamén cunha ampla rede de colaboracións con empresas (máis de 125) e centros de investigación. De feito, Sogama forma parte do comité externo.
A materia Prácticas Externas ten 6 ECTS e é de carácter obrigatorio, o que supón que o alumnado realiza un mínimo de 150 horas (aproximadamente 1 mes a xornada completa) en empresas e centros de investigación, sendo precisamente este módulo o mellor valorado polos estudantes de forma continuada ao longo dos anos.
Ademais das prácticas externas, na actualidade ofrécese ao alumnado a posibilidade de estendelas ata un máximo de 900 horas mediante as denominadas Prácticas Externas Extracurriculares (750 horas). Trátase dunha posibilidade cada vez máis usada para ampliar a súa formación no mundo empresarial.
Toda a información en
Saúdos, Departamento de Comunicación