
- Identifícase así a data na que a humanidade xera, a nivel global, máis refugallos plásticos dos que se pode xestionar axeitadamente coas infraestruturas existentes
- A contaminación plástica é un fenómeno global, pero con responsabilidades diferenciadas, xa que non todos os países contribúen nin sofren o problema da mesma forma
Cerceda, a 8 de setembro de 2025.- Cada ano, a humanidade produce máis residuos plásticos dos que o mundo é capaz de xestionar de forma segura. A data que marca ese límite coñécese como o Día do Sobrexiro Plástico (Plastic Overshoot Day), un indicador global que busca visibilizar a magnitude do problema e poñer sobre a mesa a urxencia de actuar. En 2025, esta xornada tivo lugar o pasado 5 de setembro.
O concepto do sobrexiro plástico é sinxelo pero alarmante: calcúlase a cantidade de residuos plásticos xerados nun ano e compárase coa capacidade de xestión dispoñible no planeta. Cando a produción supera esa capacidade, prodúcese o denominado “sobrexiro”.
Segundo as proxeccións da iniciativa Plastic Overshoot Day, en 2025 aproximadamente o 31,9% do plástico producido será mal xestionado, o que implica millóns de toneladas de material que acabarán contaminando os ecosistemas.
Pero non todos os países contribúen nin sofren o problema da mesma forma. O informe internacional que sustenta o Día do Sobregxro Plástico clasifica aos Estados en diferentes arquetipos de xestión:
• Sobrecargadores: xeran grandes volumes e, aínda que os xestionan internamente, exportan gran parte dos seus residuos.
• Autosuficientes: con niveis moderados de xeración e xestión local sólida.
• Produtores tóxicos de refugallos: países con alta xeración e unha gran proporción de residuos mal xestionados.
• Transactores: xestionan ben os seus residuos, pero dependen en exceso do comercio internacional de refugallos.
Esta categorización evidencia que a contaminación plástica é un fenómeno global, pero con responsabilidades diferenciadas.
En 2024 xeráronse preto de 220 millóns de toneladas de residuos plásticos, dos cales se estima que case 70 millóns foron mal xestionados. Con todo, apenas 12 países concentran o 60% desa mala xestión, entre eles China, India, Brasil, México, Estados Unidos e Turquía. Estes datos mostran que as solucións deben ser tanto globais como específicas para os contextos nacionais.
No caso de España, o día do sobrexiro plástico está previsto para o próximo 29 de novembro
Reverter a tendencia
Atrasar o Día do Sobrexiro Plástico e, eventualmente, eliminalo, require cambios profundos na forma en que producimos, consumimos e xestionamos este material. Entre as solucións máis urxentes destacan:
• Reducir o consumo de plásticos dun só uso, adoptando envases reutilizables e materiais alternativos.
• Investir en infraestrutura de xestión de residuos, con especial énfase en reciclaxe eficiente.
• Aplicar políticas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP), obrigando ás empresas a facerse cargo do ciclo de vida dos seus produtos.
• Frear as exportacións de residuos a países sen capacidade de xestión adecuada.
•Impulsar un Tratado Global sobre Plásticos, vinculante e ambicioso, que coordine as accións de todos os Estados.
O Día do Sobrexiro Plástico sinala que a xestión de residuos non pode seguir atrasada fronte ao crecemento exponencial da produción de plásticos. Atrasar esta data dependerá de decisións colectivas e de cambios nos nosos hábitos diarios.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay