- En moitas ocasións estes refugallos son abandonados polos usuarios na contorna, incrementando substancialmente os niveis de contaminación, tanto terrestre como marítima.
Cerceda, a 9 de abril de 2021.- Trala chegada da pandemia, o consumo de máscaras e luvas desbotables incrementouse de forma exponencial debido á imperiosa necesidade de protexernos (e protexer aos demais) do virus.
Unha vez finalizada a súa vida útil, estes materiais convértense en residuos que, no caso do modelo Sogama, deben ser depositados polos cidadáns no contedor da fracción resto para que reciban o tratamento oportuno (valorización enerxética a máis de 850º, temperatura coa que se garante a destrución de patóxenos e outros axentes nocivos).
Non obstante, en ocasións estes refugallos acaban abandonados polos usuarios na contorna, aumentando substancialmente os niveis de contaminación, tanto terrestre como marítima.
O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) alza a voz e insta aos gobernos a xestionar e eliminar de forma segura estes novos residuos a fin de facer fronte, de forma eficaz, a unha problemática que vai a máis.
Un estudo sobre residuos plásticos publicado por The Pew Charitable Trusts e o laboratorio de ideas Systemiq, avalado pola directora executiva da axencia ambiental da ONU, Inger Andersen, pronostica que, se non se toman as medidas axeitadas, a cantidade de plásticos vertidos no océano triplicarase en 2040, pasando de 11 a 29 millóns de toneladas anuais.
Con todo, a ONU sinala que preto do 80% da contaminación producida por plásticos podería eliminarse nese mesmo período cambiando o modelo de negocio e introducindo incentivos que conduzan á redución da produción destes materiais, ademais de adoptar outras medidas tales como o deseño de produtos e envases que poidan reciclarse máis fácilmente. Subliña como esencial un aumento drástico da innovación e o investimento que se traduza en avances tecnolóxicos.
REGRAS COORDINADAS E GLOBAIS
Aínda que durante a última década moitos países introduciron normativas relativas á contaminación por plásticos, para que estas políticas sexan realmente eficaces necesítanse, segundo a análise da Conferencia, regras coordinadas e globais.
Así mesmo, tamén se pide aos Gobernos que potencien o uso de sustancias non tóxicas, biodegradables ou facilmente reciclables como é o caso das fibras naturais, a casca de arroz e o caucho natural.
Estes produtos serían máis respectuosos co medio ambiente, coa particularidade de que, dado que os países en desenvolvemento son provedores crave de moitos deles, poderían achegar unha vantaxe engadida como é a creación de novos postos de traballo.
"Non hai unha solución única para abordar o tema da contaminación por refugallos plásticos dos océanos, pero mediante unha acción rápida e concertada podemos romper a onda de plástico", manifestou Tom Dillon, vicepresidente para o medio ambiente de Pew.
Fonte e imaxe: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación