Idiomas

O presidente de Sogama, invitado a participar no Simposium "Urban Solutions"

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Organizado por CLUERGAl e dirixido por Roberto Carlos González, a través deste evento, que terá lugar no Círculo de Empresarios de Vigo os días 20, 21 e 22 setembro, preténdese poñer en valor sectores crave para o desenvolvemento das cidades como é o caso da enerxía e a mobilidade, entre outros
  • A intervención de Javier Domínguez centrarase na valorización enerxética dos residuos non reciclables e as súas vantaxes ambientais, económicas e sociais.

Cerceda, a 16 de setembro de 2022.- Sogama, a través do seu presidente executivo, Javier Domínguez, participará no Simposium “Urban Solutions”, que se celebrará no Círculo de Empresarios de Vigo os días 20, 21 e 22 de setembro.

Organizado por CLUERGAL (Clúster das Enerxías Renovables de Galicia) e dirixido por Roberto Carlos González, con este evento, ao que se agarda asistan ao redor de 200 profesionais, preténdese poñer en valor sectores crave para o desenvolvemento de cidades sostibles, como é o caso da enerxía, a iluminación, a mobilidade e as infraestruturas urbanas, dando a coñecer as mellores solucións para as urbes do presente e do futuro.

A intervención do máximo responsable de Sogama, que leva por título “Contribución de Waste-to-Energy (WtE) á redución do impacto da actual crise enerxética”, terá lugar o día 21, no marco da mesa redonda “Cidades, Enerxías Renovables, Seguridade e Medio Ambiente”.

No transcurso da súa alocución, Domínguez Lino porá de relevo a valorización enerxética dos residuos non reciclables, tanto desde a dimensión ambiental como económica e social. Entre as súas vantaxes, cabería destacar a transformación desta fracción de refugallos en electricidade, un ben de incuestionable valor no actual escenario de crise enerxética que, ademais, evita o seu depósito en vertedoiro, a última opción contemplada na xerarquía europea de xestión de residuos debido ao seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde pública.

WtE, NO CORAZÓN DAS CIDADES EUROPEAS MÁIS AVANZADAS

Así mesmo, mostrará o escenario de tratamento dos residuos urbanos nos países europeos máis avanzados e comprometidos co medio ambiente, que precisamente son os que máis reciclan e máis valorizan enerxeticamente, e os que menos verten.

De feito, as plantas WtE adoitan situarse no centro das cidades para que as comunidades veciñas poidan beneficiarse dos seus produtos, isto é, a calor xerada nas mesmas, destinada a alimentar as calefaccións, así como a electricidade.

En España, cunha taxa de vertedura situada en máis do 50%, está a enterrarse a enerxía en vertedoiros que, á súa vez, supoñen unha ameaza para a contorna.

En Galicia, do mesmo xeito que outras comunidades autónomas que dispoñen de plantas WtE, como son o País Vasco, Cantabria, Madrid e Cataluña, a situación é ben distinta ao estar dotadas con modernas e robustas plantas de valorización enerxética capaces de transformar, coas maiores garantías ambientais e unha operativa exemplar, os residuos que non poden ser reciclados en enerxía. De feito, Sogama produce o equivalente ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.

Toda a información en www.urbansimposium.com  

Saúdos, Departamento de Comunicación

16 Set 2022

Galería