- Trátase dunha campaña en liña a través de la cal se invita á cidadanía a reflexionar sobre se é realmente necesario substituír obxectos cotiáns por outros novos cando aínda se poden reparar, e tomar conciencia dos custos ambientais que isto suporía, máis aló dos propiamente económicos
- Así mesmo, chama a atención sobre o feito de que o prezo que vemos nas etiquetaxes dos artigos non é o real, xa que non detalla o consumo de auga, enerxía, químicos, emisións e residuos xerados durante a produción
- A iniciativa compleméntase cun sorteo (estancia dunha noite para dúas persoas en Cabañitas do Bosque, Outes, con almorzo campestre incluído), que se realizará entre os internautas que conten as súas experiencias ao redor de obxectos que, para eles, valen máis do que custan
Cerceda, 20 de novembro de 2026.- Ao igual que en anos anteriores, Sogama participa nunha nova edición da Semana Europea da Prevención de Residuos 2026, que terá lugar do 21 ao 29 de novembro, e faino cunha campaña en liña “O prezo real”, a través da cal invita á cidadanía a reflexionar sobre se é realmente necesario substituír obxectos cotiáns por outros novos cando aínda se poden reparar e tomar conciencia dos custos ambientais que iso suporía, máis aló dos propiamente económicos.
Cada peza da campaña mostra, nunha primeira imaxe, o obxecto usado con etiquetaxes que indican canto custaría mantelo ou arranxalo. Na seguinte, o produto novo aparece cunha etiquetaxe de compra na que se reflicte, en lugar do prezo en euros, o seu custo ambiental, ese que habitualmente non figura en ningún lugar. Desta forma, a iniciativa chama a atención sobre o feito de que o prezo que vemos nas etiquetaxes dos artigos non é o real, xa que non detalla o consumo de auga, enerxía, químicos, emisións e residuos xerados durante a produción.
O enfoque está apoiado por datos. De acordo coa análise de The Restart Project sobre informes de ciclo de vida de preto de 500 produtos, a meirande parte do impacto climático de moitos obxectos ocorre antes de que se usen por primeira vez, é dicir, durante a extracción de materias primas e proceso de fabricación: ao redor do 84% no caso das batedoras, do 79% nos móbiles e do 73% na roupa. Alongar a vida útil dos que xa temos é, por tanto, unha das formas máis directas de reducir ese impacto.
O mellor residuo é o que nunca chega a selo
Os obxectos protagonistas para comprender o alcance da campaña de Sogama son uns pantalóns, un móbil, unhas zapatillas e unha batedora de man.
Por exemplo, no caso de arranxar un pantalón (reparar a cremalleira, adaptar os baixos e remendar un roto), o prezo de devolverlle vida ascendería a uns 19 euros. Con todo, se compramos un pantalón novo, máis aló do maior desembolso económico, o certo é que o prezo real non aparece reflectido na etiqueta, malia que se traduce no consumo de 2.835 litros de auga, unha pegada ecolóxica de fabricación de 14,5 kg CO2 e un impacto climático antes do primeiro uso do 73%.
Reparar un teléfono móbil (substituír a pantalla e cambiar a batería), pode saír en ao redor de 112 euros, pero comprar un smartphone novo, ademais do custo económico, suporía unha pegada ecolóxica de 25/63 kg de CO2 e un 79% de impacto climático antes do primeiro uso. A razón é que, para a fabricación dos seus compoñentes, é necesario extraer minerais, co conseguinte risco de contaminación, degradación ambiental e perda de biodiversidade.
Sorteo dunha estancia en “Cabañitas do Bosque”
A fin de captar a atención dos internautas, a campaña, que se difundirá nas redes sociais de Sogama en Instagram e Facebook, compleméntase cun sorteo.
Para participar no mesmo, os interesados deberán plasmar nos comentarios que obxecto integrado nas súas vidas non substituiría e por que. Invítaselles así a contar as súas experiencias ao redor de artigos que, para eles, valen máis do que custan: un pantalón que aínda se arranxa, un teléfono móbil que aínda funciona ou unha mochila que aínda ten historias por vivir.
As preguntas que se lanzarán serán tipo: que obxecto non tirarías aínda que che regalasen un novo; cal é esa peza que segues arranxando porque aínda che gusta e che serve; que aparello continúas usando porque é funcional aínda que non sexa un último modelo; ou cal é o obxecto que vai sempre contigo e que poderá seguir acompañándote durante anos.
Entre todas as achegas sortearase unha estancia dunha noite para dúas persoas en “Cabañitas do Bosque”, situadas no municipio de Outes (A Coruña) con almorzo campestre incluído.
As bases estarán ao dispor dos interesados na páxina web de Sogama e redes sociais:
Saúdos, Departamento de Comunicación