- Terá lugar o vindeiro venres, 20 de novembro, na sede de Lipor, e alí daranse cita os socios do proxecto, que lidera Sogama e que ten por obxecto o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para unha xestión máis intelixente e eficiente dos residuos
- Representantes desta empresa pública, do CITIC, Lipor e a Universidade de Beira Interior intervirán nunha mesa na que, ademais de expoñer as tarefas realizadas, intercambiarán coñecementos e experiencias acumuladas durante máis de 3 anos de intenso traballo.
- O prazo de inscrición para asistir a este encontro finaliza o xoves, 19 de novembro, debendo canalizarse a través de https://www.lipor.pt/pt/seminarios/curso/jornadas-de-encerramento-gresint/
Cerceda, 17 de novembro de 2026.- O proxecto Gresint, seleccionado na terceira convocatoria do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, chega á súa fin logo de máis de 3 anos de intenso traballo centrado no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para unha xestión máis intelixente e eficiente dos residuos.
Liderado por Sogama, contou co apoio e achegas dos seus socios: o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, por parte de Galicia, e a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR), xunto coa Universidade de Beira Interior (UBI), por parte de Portugal.
De feito, a xornada de peche celebrarase na sede de Lipor o vindeiro venres, 20 de novembro, e na mesma sucederanse unha serie de intervencións e temáticas coas que se pretende invitar á reflexión e á análise dos principais resultados, leccións e desafíos desta iniciativa, orientada cara á consecución dos obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substitúan aos virxes.
Así, despois aa sesión inaugural, que correrá a cargo do CEO de Lipor, Joaquín Gonçalves, e o director do CITiC, Manuel G. Penedo, profundarase, por parte de Américo Azevedo, de INESCTEC, na dixitalización e a Intelixencia artificial ao servizo da xestión de residuos, mentres que Mário Guimarães, de CCDR NORTE, falará do papel do financiamento e a cooperación transfronteiriza na construción de solucións máis innovadoras e sostibles.
A segunda parte da xornada congregará aos representantes das entidades socias de Gresint, entre eles Mónica Pérez, Técnico Superior de I+D+i en Sogama, quen formará parte dunha mesa, que moderará Nuno Pereira, de Lipor, naa que darán a coñecer as tarefas realizadas e se compartirán as experiencias acumuladas durante todo este tempo. Así mesmo, a cita representa tamén unha oportunidade para reflexionar sobre os próximos pasos a dar na innovación aplicada á xestión de residuos.
A sesión de clausura virá da man de Nuno Filipe, de Lipor.
Público obxectivo e inscrición
A xornada está aberta a técnicos e xestores de residuos, técnicos municipais, profesionais en innovación e transformación dixital, especialistas en datos e intelixencia artificial, empresas tecnolóxicas, investigadores, estudantes e todos os profesionais interesados en aplicar tecnoloxías intelixentes á economía circular.
O prazo de inscrición finaliza este xoves, 19 de novembro, debendo canalizarse a través desta ligazón https://www.lipor.pt/pt/seminarios/curso/jornadas-de-encerramento-gresint/
Saúdos, Departamento de Comunicación