- O obxectivo da xornada, promovida polos socios deste proxecto de cooperación transfronteiriza, isto é, Sogama, a UDC, Lipor e a Universidade de Beira Interior, é compartir experiencias e presentar solucións innovadoras para a xestión eficiente e sostible dos residuos
- A sesión terá lugar o próximo 9 de xullo, de 10.00 a 13.30 (hora española), e oriéntase fundamentalmente a entidades xestoras de residuos, centros tecnolóxicos, universidades e administracións, entre outros colectivos
- A participación é gratuíta, previa inscrición en: https://academia.lipor.pt/course/view.php?id=85#tab-2906
Cerceda, 6 de xullo de 2026.- No marco do proxecto de cooperación transfronteiriza GRESINT, que lidera Sogama e que conta, por parte de Galicia, con socios tales coma o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, por parte de Portugal, coa Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI), o próximo 9 de xullo terá lugar un webinar “Aplicación de tecnoloxías intelixentes de dixitalización na clasificación de residuos – Leccións apresas", a través do cal se compartirán experiencias e presentarán solucións innovadoras para a xestión eficiente e sostible dos residuos.
O evento incluirá intervencións de especialistas, entidades xestoras de residuos, universidades e empresas tecnolóxicas de Portugal e España, centrándose nas leccións apresas durante a execución do proxecto en relación coa aplicación de tecnoloxías intelixentes na clasificación de residuos e ofrecerá unha visión das tendencias que están a dar forma ao futuro da economía circular, á vez que impulsará a colaboración e a adopción de solucións dixitais capaces de responder os desafíos actuais da xestión de residuos.
Logo da sesión de apertura por parte da directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, e un representante de Lipor, as Universidades da Coruña e de Beira Interior darán a coñecer os pormenores do proxecto GRESINT. Acto seguido, e tras unha breve pausa, Fernando Gualo, Director Executivo de CISA e especialista certificado en Data Management (CDMP), efectuará unha exposición sobre os fundamentos da calidade e a gobernanza dos datos. Así mesmo, Tiago Santos, de Greyparrot, referente internacional na aplicación de intelixencia artificial á caracterización de residuos, falará da intelixencia artificial levada á práctica en Lipor, mentres que a firma Inovalabs Dixital, consultora especializada en innovación, sostibilidade e dixitalización, porá o broche final á secuencia de relatorios cunha intervención centrada na monitorización intelixente para unha operación máis eficiente das plantas.
Destinatarios e participación
O webinar diríxese especialmente a técnicos e xestores de residuos, técnicos municipais, profesionais da innovación e a transformación dixital, especialistas en datos e intelixencia artificial, empresas tecnolóxicas, investigadores, estudantes e todos os profesionais interesados na aplicación de tecnoloxías intelixentes á economía circular.
A participación é gratuíta, previa inscrición en: https://academia.lipor.pt/course/view.php?id=85#tab-2906
Sobre GRESINT
Seleccionado no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP 2021-2027), o proxecto GRESINT, cun prazo de execución ata este ano 2026, conta cun orzamento próximo aos 800.000 euros, estando cofinanciado pola Unión Europea.
A pretensión deste proxecto é avanzar na innovación e a transformación da xestión de residuos a través de tecnoloxías intelixentes que permitan mellorar a clasificación de envases e logren impactar no resto da cadea de valor, isto é, na recollida, selección, reciclaxe e valorización. Desta forma, contribuirá a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes, conforme os preceptos da economía circular.
Máis información en https://www.sogama.gal/es/gresint
Saúdos, Departamento de Comunicación