- Cabichas, vidros, envases e outros refugallos poden favorecer incendios forestais, afectar á biodiversidade e obstruir os sistemas de drenaxe, agravando o impacto de inundacións e choivas torrenciais
Cerceda, 27 de xullo de 2026.-Ante o aumento dos desprazamentos por estrada con motivo das vacacións estivais, o Proxecto LIBERA, de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, fai un chamamento á cidadanía para evitar o abandono de residuos nas vías, cunetas, beiravías e áreas de descanso, lembrando que os refugallos non desaparecen cando sean pola fiestra dun vehículo, senón que as súas consecuencias na natureza poden permanecer durante meses ou mesmo anos.
O que para unha persoa é un xesto insignificante durante unha viaxe, como guindar unha cabicha, unha botella ou un envoltorio, pode acabar tendo un impacto moito maior do que imaxina. Ademais de contaminar os espazos naturais, córrese o risco de que determinados residuos contribúan á aparición de incendios forestais, poñan en risco á fauna ou dificulten a correcta drenaxe da auga durante fortes precipitacións en época de choivas.
As cabichas acesas poden provocar incendios, pero as mal apagadas representan tamén unha ameaza directa para a contorna natural debido ás súas máis de 400 substancias tóxicas; os restos de vidro poden concentrar os raios solares e provocar o coñecido «efecto lupa», mentres que os aerosois poden explotar cando permanecen expostos durante longos períodos a temperaturas elevadas.
Ademais dos danos ambientais, os incendios forestais provocan a perda de biodiversidade, alteran os ecosistemas e xeran un importante impacto social e económico nos territorios afectados. Por iso, a prevención e a responsabilidade individual resultan fundamentais para reducir os riscos asociados á actividade humana.
A presenza de refugallos nas estradas supón ademais unha ameaza para a fauna silvestre e pode representar un perigo para a seguridade de condutores, ciclistas e peatón cando invaden a calzada ou as beiravías.
A colaboración cidadá, clave para previr o problema
LIBERA pon ao dispor da cidadanía un formulario para comunicar a existencia de puntos negros, é dicir, emprazamentos afectados por grandes cantidades de refugallos ou por obxectos de gran volume cuxa retirada require a intervención das administracións competentes.
A implicación da cidadanía resulta fundamental para previr a aparición destes puntos e contribuír á conservación dos espazos naturais durante unha época do ano na que aumenta significativamente a presión sobre eles.