- O II Aeversu Summit, ao que asistiu a Dirección de Sogama, reuniu en Madrid a representantes das administracións, empresas e expertos para analizar o papel da valorización enerxética, os obxectivos de residuo cero e a evolución tecnolóxica do tratamento de residuos
Cerceda, 5 de outubro de 2026.-A necesidade de reforzar as infraestruturas de tratamento, de mobilizar investimento e de avanzar en novas tecnoloxías centrou boa parte dos contidos do II Aeversu Summit, celebrado a pasada semana en Madrid, contando coa participación de representantes das administracións públicas, empresas xestoras, tecnólogos e expertos do sector dos residuos.
O encontro, ao que asistiu o presidente e a directora xeral de Sogama, Javier Domínguez e Mirta Sueiro, abordou a evolución dos modelos de xestión ante os obxectivos europeos de redución da vertedura e de avance cara a unha economía circular. Neste contexto, a valorización enerxética preséntase como unha das opcións de tratamento e recuperación para aqueles refugallos que, dadas as súas características, non poden destinarse a reutilización ou reciclaxe, prestando especial atención ao seu encaixe nos modelos territoriais de xestión.
Unha das primeiras mesas do encontro centrouse nas necesidades de investimento das instalacións de valorización enerxética e nas condicións necesarias para a súa modernización. O debate puxo o foco na adaptación das infraestruturas a un escenario no que as políticas europeas e nacionais formulan unha redución progresiva do depósito de residuos en entulleira.
A dimensión territorial ocupou outro dos bloques principais do Summit. Representantes de Cataluña, Baleares, Murcia, Comunidade Valenciana e Andalucía analizaron as dificultades para trasladar os obxectivos europeos de residuo cero a realidades territoriais diferentes, poñendo de relevo que, se ben os obxectivos ambientais son comúns, as características dos sistemas de xestión, as infraestruturas dispoñibles e as necesidades de tratamento varían entre territorios. Neste sentido, a planificación de novas instalacións e a adaptación das existentes aparecen vinculadas ás características e necesidades específicas de cada comunidade.
A xeración de enerxía: un gran potencial
Outro dos debates analizou as funcionalidades que poden desempeñar as plantas de valorización enerxética máis aló do tratamento dos residuos, incluíndo a súa capacidade para xerar enerxía para os territorios nos que se sitúan.
Desde Aeversu, o seu presidente, Joaquín Pérez Viota, defendeu a necesidade de combinar o investimento en infraestruturas co desenvolvemento tecnolóxico e a colaboración entre administracións e empresas. «A valorización enerxética desempeña un papel crave na transición cara a unha economía circular, pero para enfrontar os retos do sector e cumprir os obxectivos ambientais, é fundamental seguir impulsando a colaboración público-privada, o investimento en infraestruturas e a innovación tecnolóxica», afirmou.
A dimensión política tamén estivo presente no encontro coa análise, por parte de representantes de distintos grupos políticos, dos aspectos regulatorios, ambientais e enerxéticos vinculados á valorización enerxética.
O evento tamén incorporou unha sesión dedicada á integración urbana das plantas de valorización enerxética, poñendo como exemplo a de Spittelau, situada no corazón de Viena.
Aeversu Tech
De forma paralela ao programa principal celebrouse a primeira edición de Aeversu Tech, un espazo dedicado ás tecnoloxías aplicadas á valorización enerxética e á xestión de residuos. As presentacións abordaron solucións relacionadas con automatización, intelixencia artificial, análise de datos, robótica, control de emisións, eficiencia enerxética, tratamento de cinzas, dixitalización e mantemento preditivo, entre outras áreas.
Fonte e imaxe: Aeversu