- O estudo anual de ecoprog e CEWEP revela estabilidade operativa nas plantas de valorización enerxética de residuos, alta confianza empresarial e novos retos
- Os resultados de 2025 confirman que o Waste-to-Energy mantén a súa rendibilidade e sostibilidade mesmo nun contexto económico incerto
Cerceda, 6 de novembro de 2025.- O Barómetro Industrial Waste-to-Energy 2025, elaborado pola consultora ecoprog, especializada en tecnoloxía ambiental e enerxética, en colaboración coa Confederation of European Waste-to-Energy Plants (CEWEP), confirma a resiliencia do sector de valorización enerxética de residuos nun contexto económico aínda complexo.
As plantas de transformación de residuos en enerxía manteñen un rendemento sólido e unhas perspectivas estables de negocio, evidenciando a fortaleza dunha industria esencial para a xestión sostible dos refugallos non reciclables e a seguridade enerxética en Europa.
Segundo o barómetro, os operadores de plantas de valorización enerxética melloraron a súa percepción do clima empresarial, que alcanza 92,5 puntos, e as súas expectativas de negocio, con 87,6 puntos, fronte ao ano anterior. Só a situación actual do negocio avalíase lixeiramente peor (97,6 puntos fronte a 102,0 en 2024). Este resultado, interpretado por ecoprog como un signo de equilibrio entre a capacidade instalada e a demanda real de tratamento, indica que a oferta de plantas Waste-to-Energy (WtE) continúa a se limitada en Europa.
En países como Alemaña e Francia, a dispoñibilidade de instalacións diminuíu debido ao envellecemento de infraestruturas e a paradas técnicas máis frecuentes, mentres que a industria cementeira, tradicional consumidora de residuos combustibles, reduciu a súa actividade por mor da crise económica.
No ámbito industrial, os fabricantes e provedores do sector manteñen un bo desempeño xeral. O índice de clima empresarial elévase a 98,3 puntos (fronte a 97,5 en 2024) e o índice de situación actual mellora ata 113,8 puntos.
O 94% das empresas enquisadas considera a súa situación actual “boa ou satisfactoria”, fronte ao 90% do ano anterior. Un 61% dispón dunha carteira de pedidos suficiente, e un 24% cualifícaa como elevada. A demanda mantense estable para a metade das compañías, mentres que un 28% informa dun crecemento.
Sobre o Barómetro Industrial Waste-to-Energy
O Industry Barometer Waste-to-Energy, que se publica anualmente desde 2012, ofrece unha visión precisa da evolución do sector en Europa. Ademais de analizar tendencias económicas e tecnolóxicas, o estudo contribúe a unha causa solidaria: por cada participación válida,e coprog doa 10 euros a Aldeas Infantís SOS.
Os resultados de 2025 confirman que o Waste-to-Energy continúa a ser un piar da economía circular, capaz de transformar residuos non reciclables en enerxía e manter a súa rendibilidade e sostibilidade mesmo nun contexto económico incerto.
Fonte: Ecoprog