
- O acordo establece normas xuridicamente vinculantes para conservar e utilizar de forma sostible a biodiversidade mariña, compartir máis equitativamente os beneficios dos recursos xenéticos mariños, crear áreas protexidas e fortalecer a cooperación científica e a creación de capacidade
Cerceda, 29 de setembro de 2025.- Máis de 60 Estados ratificaron o tratado da ONU para salvagardar a biodiversidade mariña en alta mar, que entrará en vigor en xaneiro de 2026.
O tratado, formalmente coñecido como Acordo sobre a Conservación e o Uso Sostible da Diversidade Biolóxica Mariña das Zonas situadas fóra da Xurisdición Nacional (Acordo BBNJ), foi adoptado polos Estados Membros da ONU en xuño de 2023, logo de case dúas décadas de negociacións.
O Secretario Xeral de Nacións Unidas, António Guterres, celebrou este fito, cualificándoo como un "logro histórico para o océano e o multilateralismo". Manifestou que "En dous anos, os Estados converteron o compromiso en acción, demostrando o que é posible cando as nacións se unen polo ben común", ao que engadiu que "Ao enfrontarnos á tripla crise planetaria derivada do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación, este acordo é un salvavidas para o océano e a humanidade".
O pacto –tamén chamado "tratado de alta mar"– cobre dous terzos da superficie oceánica mundial que se atopa máis aló das fronteiras nacionais e establece normas xuridicamente vinculantes para conservar e utilizar de forma sostible a biodiversidade mariña, compartir máis equitativamente os beneficios dos recursos xenéticos mariños, crear áreas protexidas e fortalecer a cooperación científica e a creación de capacidade.
O Acordo baséase na Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, considerada a "constitución dos océanos".
Unha vez que o tratado entre en vigor o 17 de xaneiro de 2026, proporcionará un marco global para axudar a alcanzar os obxectivos internacionais de biodiversidade, incluído o compromiso de protexer o 30% das áreas terrestres e mariñas para 2030 baixo o Marco Global de Biodiversidade de Kunming-Montreal.
Guterres instou a todos os Estados Membros restantes a unirse ao tratado sen demora e pediu aos socios que apoien a súa rápida e plena implementación.
Fonte e imaxe: ONU