- Un novo informe desta organización avoga por adoptar políticas que aborden todo o ciclo de vida dos plásticos, incluíndo medidas coma os impostos, o ecodeseño, a prohibición de plásticos dun só uso ou os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor
Cerceda, a 8 de outubro de 2024.- Segundo un novo informe da OCDE, políticas globais integrais que aborden todo o ciclo de vida dos plásticos poden reducir as fugas deste material ao medio ambiente nun 96% para 2040.
Mediante a aplicación dunha combinación de políticas orientadas cara á redución do uso de plásticos, a menor produción de residuos plásticos, a mellora na xestión dos mesmos e o seu maior reciclado, os países poden conseguir importantes beneficios ambientais e aforros económicos. De non levar a cabo políticas máis enérxicas, prevese que a produción e o uso de plásticos aumente un 70%, pasando de 435 millóns de toneladas (Mt) en 2020 a 736 Mt en 2040, con só un 6% de plásticos procedentes de fontes recicladas. Paralelamente, os residuos plásticos mal xestionados, é dicir, os plásticos que ao final da súa vida útil son vertifod, eliminados de forma inadecuada ou depositados en vertedoiros, aumentarán un 50% (de 81 Mt anuais en 2020 a 119 Mt anuais en 2040), e as fugas de plásticos mal xestionados ao medio ambiente, incluído a súa vertedura en ríos, océanos e terra, faranno nun 40%.
As solucións parciais á contaminación por plásticos non resolverán o problema e é por iso que as proxeccións da OCDE sinalan que as políticas dirixidas a todas as etapas do ciclo de vida, aínda que provocan un pequeno descenso (0,5%) do PIB mundial, son máis rendibles que as estratexias centradas unicamente na xestión de residuos. Estas últimas provocarían unha perda aínda maior do 0,8% do PIB en 2040.
Nun escenario sen cambios, agárdase que as necesidades mundiais de investimento para a xestión de residuos plásticos alcancen os 2,1 billóns de dólares entre 2020 e 2040. As políticas que abordan todo o ciclo de vida dos plásticos limitarían os investimentos adicionais en infraestruturas de xestión de residuos -ademais das habituais- a 50.000 millóns de dólares entre 2020 e 2040. Pola contra, se os países pretenden eliminar as fugas de plástico centrándose unicamente na xestión de residuos, os custos serán máis elevados. Neste escenario, necesitaríanse 300.000 millóns de dólares adicionais entre 2020 e 2040, ademais dos investimentos habituais.
Para apoiar un enfoque que abarque todo o ciclo de vida, o informe da OCDE avoga por políticas como impostos sobre plásticos e envases, criterios de ecodeseño e normas de produto, prohibicións de determinados plásticos dun só uso e sistemas de responsabilidade ampliada do produtor para envases e bens duradeiros que poderían fomentar unha economía do plástico máis sostible.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels