- Se ben a produción de lixo xa é moi elevada durante todo o ano, en Nadal acrecéntase de forma exponencial
- Despois do Día de Reis, segregar a gran cantidade e diversidade de materiais de refugallo acumulados no fogar para propiciar a súa reciclaxe, adoita carrexar dúbidas en torno ao contedor de destino para cada un deles
- O buscador de Sogama https://ondevai.sogama.gal/ga, constitúe unha gran axuda para que os cidadáns poidan actuar de forma responsable e depositen cada residuo no lugar correspondente
Cerceda, 7 de xaneiro de 2026.-Se ben a recollida selectiva está cada vez máis asentada nos hábitos cotiáns da poboación, o certo é que, en máis dunha ocasión, as dúbidas axexan á hora de identificar o recipiente ou punto de destino de residuos concretos.
Baixo a denominación “Onde vai?”, Sogama dispón dunha aplicación web concibida para axudar aos cidadáns a resolver as súas dúbidas, en tempo real, sobre o correcto depósito dos refugallos que xeran a diario. Trátase dunha ferramenta que, especialmente despois do Día de Reyes, caracterizado pola elevada xeración de residuos de envases e envoltorios de agasallos, adquire especial protagonismo e pode ser de gran utilidade ao dar a oportunidade de coñecer, dunha maneira práctica, rápida, intuitiva e visual, onde levar cada tipo de material.
Funcionamento
O buscador pivota sobre unha estensa base de datos conformada por preto de 300 residuos, na que se inclúen posibles sinónimos e variantes, e cada residuo está vinculado ao seu contedor ou punto de achega correspondente, ofrecendo ao usuario unha explicación sobre os erros máis habituais que se adoitan cometer á hora de elixir onde depositalo
O buscador divide os residuos domésticos en 12 fraccións diferenciadas. Ademais das 5 que atopamos nas nosas rúas (contedor amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; contedor marrón para a materia orgánica, e xenérico, para a fracción resto), tamén proporciona información e ligazóns a outros 7 puntos de achega aos que levar outro tipo de materiais. É o caso dos puntos limpos, puntos SIGRE de farmacia, contedores específicos para aceite, pilas, lámpadas, cápsulas de café e téxtiles, entre outros.
“Onde vai?” configúrase como un elemento de consulta especialmente útil á hora de resolver este tipo de dúbidas en calquera momento, propiciando con isto que a colaboración cidadá sexa correcta e acertada, e, en consecuencia, contribúa de forma efectiva á reciclaxe.
Ligazón Onde Vai: https://ondevai.sogama.gal/ga
Saúdos, Departamento de Comunicación